Villares amosa o apoio da Xunta á Romaxe Viquinga do Vicedo, que celebrará a novena edición o 25 de xullo

O Vicedo (Lugo), 11 de xuño de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, destacou hoxe o apoio da Xunta á Romaxe Viquinga do Vicedo e gabou a súa “rápida consolidación como un dos eventos que máis visitantes atrae á Mariña e como elemento dinamizador indiscutible do concello e a contorna”.

Villares participou na presentación da novena edición da festa, que se celebrará o próximo 25 de xullo e terá como escenario a praia de San Román. Alí instalaranse os campamentos viquingo e cristián e o mercado medieval, e desenvolveranse actividades lúdicas para todos os públicos.

A programación comezará o venres, día 24, coa lectura do pregón e o desfile de viquingos e cristiáns pola localidade. Na xornada principal do sábado as citas máis destacables serán o desembarco viquingo, ás 12:30 horas; o torneo a cabalo, ás 20:00 horas, e o enterramento viquingo, ás 22:30 horas, ao que seguirá un espectáculo musical.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2026