A Xunta reforza o equipamento do GES de Laza coa entrega dun vehículo para servizos varios

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, formalizou a cesión co alcalde co obxectivo de mellorar a capacidade operativa do GES, optimizar os tempos de resposta e incrementar a seguridade do persoal e da cidadanía.

A medida enmárcase no apoio do Goberno galego aos servizos de emerxencias locais, aos que se destinaron nos últimos anos case 28 millóns de euros

Ourense, 14 de xuño de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, participou esta semana na entrega dun vehículo ao Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Laza. No acto formalizouse co alcalde José Ramón Barreal o convenio de cesión do furgón para servizos varios valorado en case 120.000 euros cofinanciados con fondos Interreg Poctep.

Trátase dunha dotación que permitirá optimizar os tempos de resposta e mellorar a capacidade loxística e operativa do GES, xa que está especialmente deseñada para o transporte de persoal, equipamento auxiliar e ferramentas. Así, o vehículo inclúe mochilas extintoras, kits de rescate en altura, equipos de respiración autónoma, batelumes e lanternas, entre outras. Ademais dunha elevada capacidade de carga, ten tracción integral para todo tipo de terreo. Deste xeito, quérese contribuír á mellora da eficacia das intervencións do grupo nos concellos de Laza, Castrelo de Val e Sarreaus.

A entrega enmárcase na aposta da Xunta para dotar os efectivos dos servizos de emerxencias dos concellos galegos dos recursos necesarios. Nesta liña, o pasado febreiro entregóuselle tamén ao Concello de Laza unha bomba rural pesada, valorada en 198.000 euros cofinanciados pola Unión Europea a través do programa Feder de Galicia.

No conxunto de Galicia, o investimento só en equipamento para servizos de emerxencias municipais, tanto GES como Protección Civil, achégase aos 28 millóns de euros, dos que  case 12 foron destinados directamente aos GES. Ademais, o Goberno galego asume máis da metade do custo anual dos GES e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento, pese a tratarse dunha competencia local. A maiores, lévanse investido outros 5 millóns na formación destes grupos e doutros servizos de emerxencias desde a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

Prestación de servizo público

A colaboración da Xunta garante que os GES sigan prestando servizo público en materia de emerxencias e protección civil. Neste sentido, os grupos teñen competencia para intervir en incendios -tanto urbanos como forestais-, para definir e manter as redes de faixas de xestión da biomasa de prevención e para levar a cabo prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, para crear descontinuidades da cuberta vexetal. Tamén fan prevención naqueles camiños e espazos públicos que poidan ao mesmo tempo servir de cortalumes.

Ademais, realizan actuacións de prevención da avespa velutina por seguridade da poboación, tales como o control e retirada de niños, entre outras, e interveñen en situacións de risco e emerxencia para manter a rede se estradas, mediante a súa limpeza a retirada de obxectos, especialmente no caso de accidente. Tamén poden actuar no caso de situacións derivadas de riscos naturais, nevaradas, inundacións, temporais, xeadas, choivas intensas, sismos, derrubamentos, corrementos de terra e situacións de seca, entre outros traballos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2026