A Xunta publicará a concesión da nova estación de autobuses da Coruña para poder levar a cabo a súa apertura
O Goberno galego rematou as obras en prazo a finais de 2025 e a nova terminal está dispoñible para a súa posta en funcionamento desde o primeiro trimestre deste ano
A Xunta leva meses na busca dunha solución para a súa apertura e ao non acadarse un acordo co Concello da Coruña, actual concesionario da estación de autobuses da cidade, publicará mañá na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación da concesión da nova terminal
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026
A Xunta publicará mañá na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia por procedemento de urxencia a licitación da concesión da nova estación de autobuses, tras non acadarse un acordo co Concello da Coruña sobre unha solución definitiva ou provisional que permita a apertura e posta á disposición da cidadanía.
O convenio asinado en xuño de 2021 entre Xunta, Concello, Ministerio de Transportes e Adif para levar a cabo a estación intermodal recollía a posibilidade de que o Concello, que ten atribuída a explotación da actual estación de autobuses, continuase coa xestión da nova terminal situada na área intermodal da Coruña-San Cristovo. Nesta liña, o Goberno galego leva meses en conversas respecto da xestión da infraestrutura, pero para evitar que a situación se dilate no tempo, a Dirección Xeral de Mobilidade publicará a concesión da nova estación.
A Xunta rematou en prazo a finais do ano pasado a parte da obra da estación intermodal que lle correspondía executar, isto é, a nova estación de autobuses, o aparcadoiro de vehículos e os elementos comúns entre a estación de autobuses e a estación ferroviaria, cuxa remodelación lle corresponde a Adif. Esta obra responde á estratexia de creación da área intermodal da Coruña-San Cristovo, concibida para integrar nun único espazo os distintos modos de transporte e mellorar a conectividade e a mobilidade da cidadanía.
Polo tanto, a nova estación de autobuses da Coruña atópase plenamente rematada e dispoñible para a súa posta en funcionamento desde o primeiro trimestre deste ano. Por iso, a Xunta insta á necesidade da apertura, xa que considera que prolongar a situación actual é incompatible cunha utilización eficiente dos recursos públicos tendo en conta o importante investimento realizado para a súa execución, así como os custos de conservación e mantemento desta infraestrutura.
A Xunta investiu máis de 20 millóns de euros na nova estación de autobuses integrada na estación intermodal da Coruña-San Cristovo, no marco do convenio de colaboración entre o Goberno galego, Adif e o Concello, que mobiliza un investimento global de máis de 45 millóns de euros. Esta infraestrutura enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea, a través dos fondos Next Generation EU.
A terminal ten dous niveis, un nivel superior ao que se accede desde a avenida da Sardiñeira, onde se localiza a estación de autobuses, co edificio de viaxeiros e a pasarela peonil que une as dúas estacións e conecta coa Avenida do Ferrocarril, e conta con 20 dársenas de operación e outras 23 de regulación para os autobuses. O aparcadoiro, que será xestionado polo ADIF en virtude do establecido no convenio do 2021, está no nivel inferior e terá máis de 560 prazas unha vez modificado o proxecto respecto ás 325 prazas iniciais. A obra da estación de autobuses xunto coa de elementos comúns e o aparcadoiro ten superficie útil de máis de 29.600 metros cadrados e cun edificio de viaxeiros de 1.800 metros cadrados.