Villaverde asina coa agrupación de mariscadoras do río Anllóns o convenio para a recuperación dos seus bancos marisqueiros tras os temporais

A Consellería do Mar suma a Agrupación de Mariscadoras do Río Anllóns nun novo plan de recuperación produtiva das súas zonas de marisqueo

O acordo garante a compensación de ata 700 euros ao mes para as profesionais que participan activamente nas tarefas de coidado e rexeneración do medio

Cabana de Bergantiños (A Coruña), 19 de xuño de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou coa Agrupación de Mariscadoras do Río Anllóns o convenio de colaboración bilateral para impulsar a rexeneración dos seus bancos marisqueiros afectados polas intensas choivas e borrascas de comezos de ano. Este acordo enmárcase dentro do plan extraordinario de continxencia activado polo Goberno galego para paliar a mortalidade de bivalvos provocada polas sucesivas riadas que causaron a baixada dos niveis de salinidade no litoral. 

O acordo, cofinanciado a través del Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), conta cun orzamento total de 60.254,80 euros, e recolle actuacións sobre unha superficie de 118.254 m2, distribuídos especificamente entre as zonas produtivas da marxe dereita da enseada do Río Anllóns (delimitada entre a illa Cagalóns, a liña de Punta Revoltas e a enseada de Insua) e os bancos de libre marisqueo situados no propio Esteiro de Anllóns, na marxe esquerda. 

A programación dos traballos estruturarase a través dunha participación progresiva do colectivo de a pé, mobilizando dende un inicio a cinco profesionais ata acadar un teito de 11 mariscadoras en activo. As quendas desenvolveranse en xornadas de catro horas, garantindo unha alternativa económica e un escudo social para as traballadoras mentres se restaura o potencial produtivo das praias.

O catálogo de actuacións inclúe a remoción manual e mecánica do substrato compactado para airear o sedimento, a retirada sistemática de lixo mariño e macroalgas de arribazón, a realización de vixilancias preventivas e a colaboración directa nas mostraxes científicas de seguimento. Así mesmo, executaranse rareos e traslados de exemplares de berberecho e ameixa xaponesa dende o banco do Couto cara ao de Petrallo para optimizar a súa supervivencia e taxas de crecemento.

O control biolóxico focalizarase na redución da presenza do cangrexo común (Carcinus maenas) mediante o calado de dúas caceas de ata 20 nasas nas canles de Ourixeira e O Pendón. Como acción complementaria, a agrupación redactará un proxecto técnico especializado que servirá de guía para mellorar a xestión integral e a sustentabilidade biolóxica do río. 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 19/06/2026