A Xunta aborda cos concellos da Coruña e Culleredo as condicións da bolsa de reforzo no marco do convenio para a prestación do servizo de autotaxi no aeroporto de Alvedro
Segundo o acordo, todos os taxis da Coruña poden acceder á bolsa, formada por 30 licenzas de taxi do concello da Coruña, debendo agardar na zona de reserva habilitada
A Xunta traballa tamén na creación dunha Área de Prestación Conxunta para mellorar a eficiencia e a cobertura na comarca, cun sistema de licenzas compartidas que permitirán operar cun réxime tarifario único, paradas comúns e quendas coordinadas
A Coruña, 19 de xuño de 2026
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, abordou hoxe con representantes dos concellos da Coruña e de Culleredo e coas asociacións de taxis as condicións da bolsa de reforzo creada no marco do convenio para a prestación do servizo de autotaxi no aeroporto de Alvedro. Fontela incidiu en que, segundo se recolle no acordo, todos os taxis da Coruña poden acceder a esta bolsa sen necesidade de que sexan identificados previamente polo Concello, debendo agardar na zona de reserva habilitada.
A bolsa de reforzo está formada por 30 licenzas de taxi do concello da Coruña na condición de colaboradores para cando non hai taxis de quenda dispoñibles na parada da terminal aeroportuaria. Deste xeito, teñen prioridade os taxis de quenda sempre que estean na parada. Segundo indicou a directora xeral, esta medida permite unha maior flexibilidade aos taxistas do Concello da Coruña para cubrir a bolsa de reforzo e ofrecer unha mellor atención aos usuarios que acceden ao aeroporto.
Cómpre lembrar que, tal e como se recolle no convenio, o número de taxis de quenda que presta servizo no aeroporto é de 35, 30 con licenza de Culleredo e cinco da Coruña, en igualdade de condicións. Os vehículos que integran a quenda deben ser concretados por cada un dos respectivos concellos, e comunicados tanto á Xunta como aos respectivos concellos e ás asociacións locais de taxis. Esta concreción poderá ser permanente no tempo, establecendo un procedemento que permita identificar para cada día os vehículos autorizados para a prestación do servizo.
A maiores, a Xunta, co obxectivo de mellorar a eficiencia e a cobertura do servizo de taxi na comarca, propuxo xa en diferentes reunións a creación dunha Área de Prestación Conxunta do servizo do Taxi, unha posibilidade que recolle a normativa autonómica para as zonas nas que exista unha influencia recíproca entre os servizos de taxi de varios municipios e que permitiría a todos os taxis da área operar en igualdade de condicións.