A Xunta activa o convenio con Farmamundi para intervencións de emerxencia no Congo, en Gaza e en Ucraína

O Goberno galego achega un global de 26.000 euros coa previsión de garantir o acceso a servizos sanitarios e alimentos

A intervención enmárcase nos convenios anuais de resposta ante emerxencias con Farmamundi, que desde 2009 supuxo a mobilización de máis de 1,2 M€

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2026

A Xunta activa, por terceira vez este ano, o convenio con Farmamundi para intervención de emerxencia no Congo, tras as intervencións en Gaza e Ucraína. O importe global das actuacións suma 26.000 euros e o obxectivo é garantir o acceso a alimentos e aos servizos de saúde esenciais nas diferentes áreas.

Así, a través do convenio coa República Democrática do Congo o Goberno galego achega 10.000 euros para prevención e control da epidemia do virus do Ébola. Búscase reforzar as capacidades do sistema público de saúde e responder as necesidades sanitarias urxentes das persoas vulnerables en contexto de epidemia, a través do aprovisionamento de medicamentos e de insumos médicos e de prevención.

Coa posta en marcha desta actuación, desenvolvida por Farmamundi en coordinación coa súa socia local FEPSI, prevese atender a 490 persoas en situación de vulnerabilidade, máis da metade delas mulleres. Así, proporcionarase atención sanitaria de urxencia á poboación vulnerable, incluíndo persoas desprazadas e maiores, consultas prenatais para mulleres vulnerables embarazadas e atención en planificación familiar.

Esta intervención de emerxencia súmase á activada recentemente na Franxa de Gaza co obxectivo de aportar axuda alimentaria. Neste caso, o Goberno galego destina un orzamento de 8.000 euros para atender 115 unidades de convivencia, que suman preto de 600 persoas, con prioridade para as que teñen máis fillos, as encabezadas por mulleres ou persoas con diversidade funcional, e as que manteñen adultos maiores.

Pola súa banda, o convenio para a resposta coordinada entre Farmacéuticos Mundi e a súa socia local, Gender Bureau, en Ucraína, cun importe de 8.000 euros ten como obxectivo garantir o acceso oportuno a servizos de saúde esenciais a través do abastecemento de medicamentos e insumos sanitarios a estruturas de saúde públicas en Poltava, Sumy e Járkiv.

As estruturas de saúde apoiadas atenden aproximadamente a 640 persoas ao mes, polo que, durante os cinco meses que se prevén de duración desta intervención, se estima que se atenderá máis de 3.000 persoas.

Máis de 1,2M€ para necesidades urxentes

Dende o ano 2009 ata agora asináronse convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi por máis de 1,2 millón de euros, incluíndo o convenio deste ano coas devanditas intervencións no Congo, en Gaza e en Ucraína.

O obxectivo desta colaboración constante entre a Xunta e Farmamundi é realizar as actuacións que ambas as partes establezan, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade).

Data de actualización: 24/06/2026