Finaliza con éxito a proba de funcionamento das sirenas de aviso á poboación de 41 presas galegas

A proba comezou na xornada de onte ás 09,00 horas en Belesar e repetiuse en distintas presas ata as 17,00 horas de hoxe

O obxectivo é que a veciñanza recoñeza o sinal acústico en caso de emerxencia

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2026

A Xunta rematou con éxito a proba de funcionamento das sirenas de aviso á poboación de 41 presas galegas. O primeiro sinal activouse onte ás 09,00 horas en Belesar e foi repetíndose en distintas presas ata hoxe.

Onte tamén se activaron as sirenas de aviso adscritas ao Plan de emerxencia exterior do depósito de lodos vermellos de Alúmina en Xove.

En total, soaron máis dun cento de sirenas situadas por todo o territorio, adscritas ás presas de Belesar, Os Peares, Castrelo, Albarellos, Frieira, Brandariz, Velle, Salas, As Conchas, Vilagudín, San Cosmade, Portodemouros, Chandrexa, Guístolas, Santaeulalia, Santo Estevo, San Pedro, San Martiño, Montefurado, Sequeiros, Casoio, Pumares, Cenza, As Portas, O Bao, Prada, San Sebastián, Peñarrubia, Ribeira, Eume, Fervenza, Santa Uxía, Cecebre, Touro, Río Cobo e Dique de Collado, Baíña, Eiras, O Con, Caldas, Deva e Eirós.

Para a proba, contouse coa colaboración dos titulares das infraestruturas -Alúmina, Emalcsa, Endesa, Iberdrola, PHG, Naturgy, Xeal, Adelanta, e Augas de Galicia-,así como do persoal dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, membros de Protección Civil dos concellos afectados, e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

En Galicia, actualmente hai 46 plans de emerxencia de presa aprobados. Os obxectivos que se perseguen con este tipo de plans é ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de rotura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación, como aos organismos xestores de emerxencias. Son plans que buscan estar o mellor preparados posible para situacións que comporten riscos nestas instalacións, e deste xeito garantir a seguridade da cidadanía da contorna.

Aposta pola prevención

A Xunta subliña a importancia deste tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoproteción a aplicar en caso dunha emerxencia destas características, ademais de mellorar a coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.

Data de actualización: 26/06/2026