O delegado territorial destaca a preparación do servizo de emerxencias cara á tempada de verán
Antes da visita ao centro, o delegado mantivo un encontro institucional co alcalde da Estrada no consistorio municipal
Trátase da primeira visita de Fernández dende a súa toma de posesión como delegado
A Estrada (Pontevedra), 29 de xuño de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá por primeira vez desde a súa toma de posesión as instalacións da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, situadas no concello da Estrada.
Previamente, o representante autonómico desprazouse ata a Casa do Concello da Estrada, onde foi recibido polo alcalde do municipio, Gonzalo Louzao, con quen mantivo un encontro institucional para abordar diferentes asuntos de interese para o concello e a comarca.
Xa nas instalacións de AXEGA, Pablo Fernández puido coñecer de primeira man o funcionamento do servizo de coordinación de emerxencias e os protocolos de actuación que se activan ante situacións de risco ou incidencias de distinta natureza. O delegado territorial destacou o papel fundamental que desempeña o 112 Galicia na coordinación dos distintos corpos e servizos de emerxencias da Comunidade, garantindo unha resposta rápida e eficaz á cidadanía as 24 horas do día e os 365 días do ano.
Durante a visita, o delegado comprobou que tanto AXEGA como o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias teñen xa preparados os dispositivos, medios técnicos e recursos humanos necesarios para facer fronte ás posibles emerxencias que poidan producirse durante os meses de verán.
Pablo Fernández agradeceu o labor dos profesionais que integran o sistema galego de emerxencias e destacou o compromiso da Xunta por seguir reforzando os mecanismos de prevención, coordinación e resposta para garantir a seguridade da cidadanía en todo o territorio galego.