Villaverde resalta a importancia de achegar o mar aos máis novos durante a presentación do Vigo SeaFest 2026

A conselleira salienta esta iniciativa para promover o consumo de produtos do mar, achegar a cultura marítima á cidadanía e formar aos máis novos no sector

Vigo, 29 de xuño de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, resaltou hoxe a importancia de achegar o mar aos máis novos, durante a presentación da VII Edición do Festival ARVI do Peixe, Vigo SeaFest 2026, na que ademais participou na degustación de 14 pratos con propostas innovadoras, que incluíron ata 7 especies de peixe diferentes.

Villaverde salienta a relevancia do mar na vida diaria viguesa, sendo unha actividade non só económica, senón que tamén un sinal de identidade e “a orixe de alimentos dunha calidade extraordinaria, seguros, e cun elevado valor nutricional”. Este festival, que se celebrará entre o 9 e o 12 de xullo na cidade olívica, permite tender pontes entre o sector e a sociedade, mostrando o seu valor á cidadanía mediante a gastronomía, xa que é “unha das maiores embaixadoras dos produtos do mar”, afirmou.

A conselleira destacou a programación escollida para este ano, que volve contar co apoio da Xunta, e na que destaca a incorporación de múltiples actividades deportivas, que remarcan a importancia de consumir produtos do mar, como parte dunha dieta saudable. Tamén salientou o protagonismo dos máis novos nesta nova edición do festival, con obradoiros lúdico-educativos onde poidan desfrutar e aprender dos oficios do mar.

Os valores deste evento coinciden cos da Consellería do Mar, que ten en marcha iniciativas que reflicten o compromiso de ensinar a realidade marítimo-pesqueira nos centros educativos, con proxectos como Movemento Azul ou o programa da DOP Mexillón de Galicia denominado Mexillón de Galicia nas aulas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 29/06/2026