A Axencia Galega de Emerxencias aborda no seu Consello Reitor os avances tecnolóxicos e en cooperación rexional e internacional

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu a sesión ordinaria do Consello Reitor, onde se presentou a memoria de actividades de 2025

A renovación integral dos servidores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia e o reforzo do Grupo de Apoio Loxístico son algúns dos fitos da Axega

A Estrada (Pontevedra), 30 de xuño de 2026

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu esta mañá a sesión ordinaria do Consello Reitor da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), na que se abordaron a memoria e as contas anuais correspondentes a 2025, así como as principais actuacións desenvolvidas durante o primeiro semestre deste ano. Na reunión, na que tamén participou o xerente da Axega, Marcos Araújo, púxose en valor o traballo da Axencia en canto a modernización tecnolóxica ou na cooperación con organismos nacionais e internacionais.

No ámbito da atención á cidadanía, e fronte ao máis dun millón de contactos telefónicos acadados en exercicios anteriores, a redución da cifra ata máis de 841.100 chamadas demostra a optimización de recursos e a mellora a xestión operativa. Do mesmo xeito, o incremento do 3,2% nas incidencias xestionadas confirma que a actividade do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia se canaliza de maneira eficiente.

Durante o 2025 completouse a integración telemática da aplicación de xestión da Garda Civil de Tráfico coa plataforma Gemma do CIAE 112, eliminando chamadas telefónicas internas e reducindo os tempos de xestión das incidencias.

Melloras tecnolóxicas esenciais

A Axega impulsou o seu maior investimento desde o traslado do CIAE á Estrada en 2017 coa renovación integral da súa infraestrutura de servidores e da electrónica de rede, tanto no centro principal como no de respaldo en San Marcos. Agárdase que os novos sistemas estean plenamente operativos ao longo deste 2026 e permitirá incrementar a capacidade, a seguridade e a resiliencia do sistema.

Neste proceso de transformación dixital, a Axega consolídase como referente na aplicación da intelixencia artificial á xestión das emerxencias coa súa participación, xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o CITIC da Universidade da Coruña, no único proxecto piloto da Administración pública española seleccionado dentro do Sandbox-IA, impulsado pola Comisión Europea. En concreto, estanse a analizar as capacidades futuras en ámbitos coma o recoñecemento de idiomas ou a asistencia ao xestor na transcrición en emerxencias.

Reforzo do equipamento operativo

O ano 2025 destacou igualmente polo compromiso investidor para reforzar os medios materiais do sistema galego de protección civil. Ao longo do exercicio distribuíronse novos vehículos de emerxencias e equipamento especializado financiado con fondos propios, fondos Feder e outros fondos europeos, ademais de material destinado a concellos e agrupacións de voluntariado de Protección Civil.

O Grupo de Apoio Loxístico á Intervención (GALI) desenvolveu un total de 81 operativos, participando en buscas de persoas desaparecidas, así como en incendios forestais e industriais, emerxencias ambientais, dispositivos preventivos en grandes eventos e actuacións derivadas do apagamento eléctrico, nas que apoiou as comunicacións e o funcionamento de infraestruturas críticas mediante a instalación de xeradores eléctricos. Ao mesmo tempo, continúa a construción dun novo edificio multifuncional a carón das instalacións xa existentes, destinado a ampliar a capacidade operativa e loxística deste recurso estratéxico.

Cooperación e proxección exterior

Durante a reunión subliñouse a crecente proxección exterior da Axega e a súa consolidación como referente en cooperación operativa a nivel autonómico, estatal e internacional. Esta colaboración desenvólvese a través de programas orientados ao intercambio de coñecemento e á mellora da coordinación entre servizos.

A nivel europeo, continúa liderando iniciativas como o proxecto ATEMPO, orientado a mellorar a cooperación transfronteiriza entre Galicia, o norte de Portugal e Castela e León en materia de incendios forestais e grandes emerxencias intensificadas polo cambio climático, ademais de participar noutros proxectos europeos como X-HeERO, HARMONY ou GOBEYOND, centrados na innovación tecnolóxica aplicada á protección civil.

Ademais,  o ano pasado, representantes da Axega participaron no Congreso Anual da European Emergency Number Association (EENA), celebrado en Finlandia, e en encontros técnicos en Portugal, Sevilla e Atenas, reforzando o intercambio de coñecemento e boas prácticas cos principais servizos europeos de emerxencias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2026