Marta Villaverde asiste á presentación dos estudos científicos sobre a sustentabilidade e a pegada ambiental do cultivo de mexillón
Estas investigacións de Opmega e o IIM-CSIC achegan series de datos de utilidade para avaliar de forma obxectiva a interacción da actividade bateeira co medio mariño
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 1 de xullo do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, asistiu esta mañá na sede da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) á presentación de tres estudos técnicos centrados na sustentabilidade, os servizos ecosistémicos e a pegada de carbono do sector miticultor.
No acto os equipos científicos expuxeron as conclusións duns traballos de utilidade para dispor de diagnósticos rigorosos e avanzar na xestión do conxunto do complexo marítimo-pesqueiro galego. As investigacións, dirixidas por científicos do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) coma Xosé Antón Álvarez Salgado e Uxío Labarta, xunto á consultora Inxenia, analizan a través de indicadores cuantitativos o comportamento ambiental do bivalvo nas rías galegas.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde valorou o esforzo dos produtores por dotarse de ferramentas de certificación técnica, que poden funcionar como un "pasaporte de sustentabilidade" para poñer en valor o produto autóctono fronte ás importacións de terceiros países.