Rueda salienta o compromiso da Xunta por modernizar a frota do servizo de Gardacostas coa entrega dunha nova patrulleira máis eficiente
Destaca o gran traballo que realizan este profesionais, operativos as 24 horas dos 365 días do ano
Con esta xa son seis as novas patrulleiras entregadas desde 2018 e a Xunta xa ten asignado orzamento para unha sétima
Gardacostas leva salvado 1.800 vidas desde hai máis de 30 anos
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 2 de xullo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno autonómico con dotar ao Servizo de Gardacostas dunha frota moderna e eficiente coa entrega dunha nova patrulleira, a sexta desde 2018, e o orzamento asignado para incorporar outra proximamente. E confía en que esta embarcación “sexa útil para preservar unha das cousas que temos que preservar máis que é o noso mar, o noso litoral, os nosos recursos, e a nosa vida de sempre e a que ten que vir no futuro”.
No acto, no que estivo acompañado da conselleira do Mar, Marta Villaverde, o presidente salientou o gran traballo que realiza este Servizo, dispoñible as 24 horas dos 365 días do ano, “os primeiros que responden cando hai un incidente no mar”, e que tanto exerce labores de salvamento como controis e inspeccións, ademais de actuacións contra o furtivismo e contra a contaminación mariña.
Gardacostas leva salvado as vidas de 1.800 persoas desde hai máis de 30 anos. Ademais, os datos do último ano indican que o Servizo de Gardacostas realizou case 10.000 inspeccións, comisou máis de 36.000 aparellos de pesca prohibidos e incautou case 28.000 quilogramos de especies mariñas, co obxectivo de “asegurar que os que traballan cumprindo a lei, que son unha inmensa maioría, teñan a garantía de que se persegue a aqueles que non o fan”.
Na súa intervención, o presidente salientou o obxectivo da Xunta de dotar a estes profesionais dos mellores recursos para realizar o seu traballo. Nesta liña, lembrou que o Servizo de Gardacostas conta na actualidade con 140 efectivos, dous helicópteros e nove bases distribuídas por todo o litoral galego.