A Xunta salienta os 25 anos do Cetmar como referente internacional que transforma a ciencia en gobernanza do mar

A fundación afronta este aniversario cunha intensa actividade centrada en 52 proxectos vixentes e máis de 4,5 millóns de euros de investimento para actuar como fío condutor entre a comunidade científica, as administracións e o sector mar-industria

O labor do centro tradúcese en impactos tanxibles como o deseño técnico do Plan de Marisqueo galego, a copresidencia de grupos expertos en Bruxelas ou a mellora da seguridade alimentaria en máis de quince países en vías de desenvolvemento

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2026

A directora do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), Rosa Chapela, compareceu hoxe na Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, para dar conta do vixésimo quinto aniversario desta fundación dependente da Consellería do Mar. Chapela salientou que este cuarto de século de vida avala un modelo baseado en tecer pontes para conectar de forma eficaz a comunidade científica, as administracións e o sector mar-industria.

O labor do centro céntrase en xerar coñecemento útil, impulsar a innovación e facilitar o acceso a financiamento para que a investigación mariña se converta nun ben común que mellore as decisións públicas sobre o océano. No ámbito autonómico, o Cetmar achega datos e evidencias de calidade para ferramentas esenciais coma a Estratexia de Economía Azul, o Plan de Marisqueo 2026-2031 ou proxectos aplicados coma SoL-Ouxa II, Bateas e Apromex, cuxos resultados de cultivo se transfiren ao sector bateeiro a través do plan Capacitamex.

A nivel internacional, a fundación situou a Galicia nunha posición de vangarda nas políticas marítimas da Unión Europea ao copresidir o Grupo de Expertos en Datos para a Ordenación do Espazo Mariño da Comisión Europea e formar parte do prestixioso European Marine Board. Así mesmo, o centro traballa de xeito pioneiro para incorporar a dimensión socioeconómica e humana na pesca europea mediante a achega de datos de emprego e valor engadido a plataformas de referencia coma EMODnet, o Blue Economy Observatory ou o proxecto ReMap.

A nivel técnico, a fundación converteuse nun soporte fundamental para a Política Pesqueira Común ao coordinar o secretariado dos Grupos Rexionais de Coordinación europeos, garantindo a calidade e harmonización dos datos que serven para determinar as cotas de pesca en organismos internacionais. Esta observación mariña desenvólvese en Galicia a través do Observatorio Costeiro (OCXG) —clave para amparar as leis galegas de ordenación do litoral e do cambio climático—, mentres que no plano internacional o Cetmar consolídase como o brazo executor da Cooperación Galega.

O centro transferiu o modelo de éxito galego a máis de quince países de África e América Latina e estende a súa actividade neste exercicio a Oriente Medio, México e Costa Rica, avalado por unha recente auditoría externa independente que destaca a súa credibilidade institucional e o seu impacto real na seguridade alimentaria.

Finalmente, a directora destacou que a maior capacidade científica e operativa lograda por Galicia para afrontar a contaminación mariña —cun traballo continuado que ampara o Plan Marlimpo ou o control de contaminantes emerxentes— é grazas ao seu capital humano. O Cetmar conta cun equipo multidisciplinar de 55 profesionais de recoñecido prestixio que vén de aprobar o seu primeiro Plan de Igualdade con 33 medidas concretas de conciliación e equidade laboral.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 02/07/2026