A Xunta valora proxectos como PESCRAP para avanzar cara unha economía circular no sector pesqueiro
Vigo, 2 de xullo do 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou esta tarde en Vigo na xornada de presentación do proxecto PESCRAP, iniciativa que ten como obxectivo apoiar a creación do futuro Sistema de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SCRAP) para artes e aparellos de pesca e acuicultura, adaptado á realidade española.
Rosón puxo en valor a importancia de promover iniciativas que permitan avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos xerados pola actividade pesqueira e acuícola, favorecendo a colaboración entre todos os elos da cadea de valor, pois a economía circular, engadiu, “representa unha oportunidade para incrementar o aproveitamento dos recursos e reducir o impacto ambiental da actividade marítima”.
A xornada celebrouse no Edificio Redeiras da cidade olívica en formato presencial e híbrido, facilitando deste xeito a participación de entidades e profesionais de toda España. O programa incluíu unha presentación do proxecto e dúas mesas de diálogo centradas, respectivamente, na innovación e produción na cadea de valor e no papel dos actores locais e da gobernanza do ecosistema mariño.