A Xunta asina coa Confraría de Redondela o convenio de recuperación marisqueira cun investimento de máis de 653.000 euros
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, rubricou coa entidade un acordo que dota de apoio económico directo a 82 mariscadoras a pé afectadas polas intensas baixadas de salinidade de principios de ano
O plan de restauración abrangue a zona intermareal desde a Caseta do Ceboleiro ata a praia de Arealonga e inclúe traballos de labrado do substrato, control de depredadores e sementeiras de especies autóctonas
Redondela (Pontevedra), 2 de xullo de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou hoxe coa Confraría de Pescadores San Xoán de Redondela o convenio de colaboración dirixido a impulsar a rexeneración dos bancos marisqueiros danados polas intensas precipitacións de comezos de ano. A través desta colaboración, a Xunta mobilizará un orzamento total de 653.488,65 euros, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
Esta medida garante un respaldo económico directo para un total de 82 mariscadoras a pé, quen percibirán compensacións polos traballo de rexeneración de ata 700 euros mensuais. Ademais, supón un avance na coxestión e implicación do propio sector, e recolle un relatorio de intervencións directas para recuperar a capacidade produtiva do medio mariño.
Entre as principais accións acordadas destaca o acondicionamento e labrado do substrato en doce bancos marisqueiros —abrangendo máis de 693.000 m2— mediante o uso de motocultores ou métodos manuais. Así mesmo, durante a baixamar procederase á limpeza e retirada sistemática de restos orgánicos e inorgánicos. A folla de ruta contempla tamén un control rigoroso de especies depredadoras e competidoras, coma o cangrexo verde (Carcinus maenas) e os caracois mariños (Nucella lapillus e Ocenebra erinacea), mediante o emprego de nasas e mostraxes de seguimento sistemático.
Para fortalecer a biomasa, realizaranse rareos e traslados selectivos, así coma tarefas de preengorde de ameixa fina e babosa baixo redes protexidas, culminando coas sementeiras de unidades autóctonas adaptadas ás necesidades de cada areal. O plan compleméntase con quendas de vixilancia mensual nocturna e diúrna para combater o furtivismo, ademais de xornadas de formación especializada sobre bioloxía e xestión da actividade marisqueira.