A Xunta reivindica a súa solvencia para ofrecer garantías ás empresas que invisten en Galicia

O Goberno galego reitera o seu compromiso coas entidades que contribúen a favorecer o desenvolvemento económico da rexión

O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou na xornada de confraternización do Colexio de Economistas da Coruña

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2026

A Xunta reivindica a súa solvencia para ofrecer garantías ás empresas que invisten en Galicia. A estabilidade institucional da Comunidade Autónoma ponse ao servizo da cidadanía, contribuíndo á boa marcha da economía e á creación de emprego.

O Goberno galego reiterou o seu compromiso coas entidades que, como o Colexio de Economistas da Coruña, contribúen a favorecer o desenvolvemento económico da rexión.

Así o puxo de manifesto o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante a súa intervención na xornada de confraternización desa entidade.

Miguel Corgos lembrou que a Xunta busca “achegar seguridade xurídica a todos os sectores económicos e sociais, cunha boa planificación e con rigor orzamentario”. Isto permite que, hoxe, Galicia sexa un “referente no cumprimento das regras fiscais”, polos beneficios que ten para empresas e familias levar dous anos sen incorrer en déficit e continuar baixando ano a ano a ratio débeda/PIB.

Este control das contas públicas, abundou o conselleiro de Facenda, permite compatibilizar o reforzo dos servizos públicos coas rebaixas selectivas de impostos para aliviar a carga tributaria dos sectores e os colectivos que máis o necesitan.

Preparación dos Orzamentos 2027

Miguel Corgos aproveitou para explicar que se están comezando a preparar os orzamentos para o vindeiro ano, que terán como prioridade o reforzo dos servizos públicos, as políticas de vivenda e a celebración do Xacobeo 2027.

As contas impulsarán a modernización e dixitalización do sistema produtivo, favorecendo o desenvolvemento industrial sostible e a innovación, “para mellorar o crecemento económico e atraer novos proxectos empresariais”, explicou Corgos. A transición enerxética permitirá consolidar un modelo máis eficiente, ambiental e economicamente menos dependente do exterior, “co fin de incrementar a capacidade para xerar empregos de calidade na nosa terra”, sinalou.

O conselleiro de Facenda aproveitou a ocasión para felicitar aos novos colexiados, aos colexiados que acadaban os 25 anos de traxectoria, así como ao alumnado do Máster en Fiscalidade e Tributación que imparte o Colexio de Economistas. Puxo en valor, así mesmo, o labor solidario da entidade, que este ano se dedicou ao Banco de Alimentos da provincia da Coruña.

Data de actualización: 03/07/2026