A Xunta valora como prioritario na súa acción exterior o debate sobre o futuro Marco Financeiro Plurianual Europeo
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea compareceu hoxe para dar conta sobre o cumprimento da Estratexia Galega de Acción Exterior no Parlamento de Galicia
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2026
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento galego para dar conta do cumprimento da Estratexia Galega de Acción Exterior e tamén sobre o resultado dos viaxes ao exterior dos altos cargos do Executivo galego, continuando co seu compromiso de transparencia e rigorosidade da Xunta.
Gamallo indicou que a acción exterior da Xunta durante 2025 continuou orientándose á defensa dos intereses galegos perante a Unión Europea, reforzando a presenza institucional en Bruxelas e a participación nas principais redes europeas. Xunto a isto, mantivéronse como eixes prioritarios a promoción internacional da cultura, da lingua galega e dun turismo sustentable e de calidade, o impulso á internacionalización da economía galega e das exportacións, a cooperación internacional ao desenvolvemento e a atención ás comunidades galegas no exterior, actualmente coa vista posta en Venezuela.
O director xeral remarcou que, canto ao comercio exterior, as exportacións galegas mantivéronse nunha cifra superior aos 30.900 millóns de euros. Este dato é síntoma da resiliencia e consolidación da capacidade exportadora da economía galega. Ademais, cómpre destacar que Galicia ten triplicado as exportacións anuais desde principio de século.
Tamén celebrou os resultados obtidos froito das viaxes institucionais ao exterior do presidente, conselleiros e altos cargos da Xunta de Galicia. Fixo referencia teñen aos desprazamentos do presidente Alfonso Rueda a China e a Bruxelas como presidente da delegación española no Comité das Rexións e vicepresidente deste órgano. Resultado deste traballo desenvolvido en Bruxelas como actor fundamental no debate sobre o futuro do Marco Financeiro Plurianual 28-34 europeo, foi a Declaración Galicia. Este documento, aprobado por unanimidade de tódolos membros da delegación en Santiago de Compostela, fixou unha posición común para defender un modelo de xestión compartida dos Fondos Europeos.
Recalcou igualmente a importancia da cooperación con Portugal, principal socio estratéxico de Galicia no ámbito da acción exterior. Durante 2025 mantívose o impulso á cooperación transfronteiriza no marco da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal e da Comunidade de Traballo Galicia–Norte de Portugal, incidindo na necesidade de avanzar na conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo, Porto e Lisboa como infraestrutura esencial para a competitividade, a cohesión territorial e a mobilidade sostible do noroeste peninsular. Así mesmo, continuouse promovendo a colaboración en ámbitos como a innovación, a transición verde e dixital, a protección civil, a cultura e a valorización da proximidade lingüística entre o galego e o portugués, así como a necesidade de que o goberno central valore seriamente a proposta da eurorrexión para o texto do Estatuto do Traballador Transfronteirizo para a mellora das súas condicións laborais.
Por outra parte, Jesús Gamallo tamén salientou a boa saúde do turismo internacional en Galicia, que consolida a crecente proxección da comunidade nos mercados internacionais. Este comportamento confirma a eficacia das políticas de promoción exterior desenvolvidas pola Xunta, orientadas á diversificación de mercados, á desestacionalización da demanda e ao posicionamento de Galicia como un destino sustentable, de calidade e con identidade propia. Neste contexto, subliñou que o Xacobeo 2027 constitúe unha oportunidade excepcional para consolidar a imaxe de Galicia no exterior, reforzar o prestixio internacional do Camiño de Santiago e proxectar a comunidade como un destino de referencia a nivel mundial.