Belén do Campo destaca o compromiso do Real Club Náutico da Coruña coa excelencia ambiental tras máis de tres décadas renovando a súa bandeira azul

A delegada da Xunta participou no izado do distintivo internacional e puxo en valor a traxectoria do club como referente do turismo náutico sostible en Galicia

A Coruña, 6 de xullo de 2026.

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada do presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, e do presidente do Real Club Náutico da Coruña, Jaime Araújo Pérez, participou esta mañá no acto de izado da Bandeira Azul no Real Club Náutico da Coruña, onde felicitou á entidade pola renovación dun dos distintivos ambientais de maior prestixio internacional, que acredita a excelencia na xestión das instalacións portuarias, a calidade dos servizos, a seguridade, a accesibilidade e o compromiso coa protección do medio mariño.

A delegada puxo especialmente en valor a traxectoria do club, que leva máis de trinta anos renovando de maneira ininterrompida a Bandeira Azul, un logro que, segundo destacou, “é o mellor exemplo de que a excelencia non se consegue cun esforzo puntual, senón cun traballo constante, rigoroso e comprometido co medio ambiente”.

A delegada destacou que “o Real Club Náutico da Coruña converteuse nun referente non só para a práctica deportiva e a náutica de recreo, senón tamén para o turismo sostible”. Neste sentido, subliñou que “os navegantes que chegan á cidade atopan unhas instalacións que cumpren cos máis altos estándares internacionais de calidade, o que contribúe a reforzar a imaxe da Coruña e de Galicia como un destino náutico moderno, competitivo e comprometido coa sustentabilidade”.

A Bandeira Azul é un distintivo promovido pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), tras un esixente proceso de avaliación no que se analizan aspectos como a xestión ambiental das instalacións, a correcta recollida e tratamento dos residuos, a seguridade, a accesibilidade, a calidade dos servizos, a información e educación ambiental e o cumprimento da normativa vixente. Ademais, incidiu en que este recoñecemento require unha avaliación e un seguimento continuos para garantir que os estándares de calidade se manteñen ao longo do tempo.

Así mesmo, salientou os excelentes resultados acadados por Galicia na edición de 2026 das Bandeiras Azuis.

A nivel galego a comunidade contará este ano 11 portos deportivos, 118 praias galardoadas, e 18 centros azuis, o que supón un total de 147 Bandeiras Azuis consolidando a Galicia como unha das comunidades autónomas de referencia na protección do litoral e na promoción dun turismo responsable e de calidade.

No caso da provincia da Coruña, a delegada lembrou que este ano foron distinguidos 4 portos deportivos con Bandeira Azul, entre eles o Real Club Náutico da Coruña,  xunto co Club Náutico de Sada, o Náutico Sadamar, e o Real Club Náutico de Portosín “unhas cifras que reflicten o esforzo conxunto das administracións, dos concellos e das entidades náuticas por ofrecer un litoral cada vez máis sostible, seguro e de maior calidade”. Así como 44 praias situadas en 18 concellos.

A delegada trasladou os seus parabéns ao presidente, á Xunta Directiva, ao persoal e aos socios da entidade “por facer posible que o Real Club Náutico da Coruña leve máis de tres décadas sendo un exemplo de boa xestión ambiental, de excelencia nos servizos e de compromiso co mar”.

“Cada Bandeira Azul é unha garantía de calidade para a cidadanía e para os visitantes, pero tamén un recoñecemento ao esforzo colectivo por conservar un dos nosos maiores patrimonios: o litoral galego. O Real Club Náutico da Coruña representa á perfección ese compromiso e contribúe a proxectar a mellor imaxe da nosa cidade e da nosa comunidade no ámbito do turismo náutico internacional”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2026