A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, respondeu esta tarde unha pregunta oral no Parlamento sobre o funcionamento do centro
A Xunta confirma que o CAPD de Ourense ten cuberta a práctica totalidade das prazas residenciais e xa recibe os primeiros usuarios do centro de día
O recurso público está a operar con total normalidade despois dunha posta en marcha de xeito escalado que tivo como obxectivo garantir a calidade na atención
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, confirmou esta tarde no Parlamento que o centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD) de Ourense ten cuberta case a totalidade das prazas residenciais e xa recibe os primeiros usuarios do centro de día.
En resposta a unha pregunta oral sobre o funcionamento do centro, detallou que este está a operar “con total normalidade” e que a súa posta en marcha fíxose de xeito escalado co obxectivo de que primase “o benestar e a calidade na atención”. De tal forma que primeiro habilitouse o centro residencial, que xa está preto do 90% de ocupación, e, a continuación, o centro de atención diúrna, que xa conta con usuarios.
A conselleira resaltou, ademais, que o CAPD de Ourense cumpre as ratios e dispón dun equipo de profesionais axeitado e preparado para atender as necesidades dos diferentes usuarios. E engadiu que, como o resto dos centros públicos, ofrece todos os servizos e actividades lúdicas previstos.
Fabiola García puxo en valor, tamén, o labor das dúas entidades que xestionan o CAPD, Cogami e Menela. Ambas, dixo, “con amplísima experiencia no sector, reputación fóra de toda dúbida e coa especialización necesaria para atender aos distintos perfís que alberga o centro”.
Máis dun centenar de prazas públicas
A través do CAPD, a Xunta dá resposta a unha demanda histórica das familias ourensás ao incrementar nun 25% a cifra de prazas públicas para atención á discapacidade coas que conta a cidade.
O Goberno galego investiu 10 millóns de euros na creación do centro, que conta con 110 prazas públicas -80 residenciais e 30 de centro de día- específicas para persoas con autismo, discapacidade intelectual, parálise cerebral e dano cerebral.