A conselleira do Mar respondeu no Parlamento unha pregunta sobre as actuacións de Seaga nos bancos marisqueiros
Villaverde destaca que a Xunta mobilizará 4,3 M € na encomenda a Seaga para a restauración dos bancos marisqueiros
A responsable autonómica subliñou que este programa de actuacións estenderase ata o 2028
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, salientou hoxe no Pleno do Parlamento a importancia estratéxica da encomenda de xestión asinada coa Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños. Esta liña de acción, dotada con 4,3 millóns de euros e cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), estenderase ata o ano 2028 no marco do plan de recuperación dos bancos marisqueiros autonómico cun orzamento global de 22,7 millóns de euros para este exercicio co obxectivo de paliar o impacto das intensas borrascas do pasado inverno.
Segundo debullou a titular de Mar, o programa executado por Seaga estrutúrase nunha folla de ruta rigorosa que arranca con mostraxes e estudos científicos previos para deseñar plans de conservación adaptados a cada areal. Posteriormente, executaranse intervencións directas sobre o terreo como o control de especies competidoras e depredadores, a limpeza de residuos, a remoción e achega de áridos para a mellora do substrato.
Villaverde fixo especial fincapé en que o proxecto inclúe un eixe de soporte loxístico integral para o sector, facilitando o apoio de persoal, material e maquinaria pesada a aquelas confrarías que carezan de medios propios para acometer as tarefas de rexeneración. Na súa intervención, a conselleira do Mar contrapuxo o "compromiso firme e con medidas concretas" do Executivo galego, que leva semanas rubricando convenios bilaterais coas agrupacións "sen regatear nin un só euro", fronte ao abandono que sofre o sector por parte do Goberno central.
Nese sentido, Marta Villaverde afeou a Madrid que en todos estes meses "non foi quen de cumprir as súas promesas de bonificación das cotas da Seguridade Social nin de poñer un só euro a disposición do sector marisqueiro". "Toda a nosa política pesqueira responde a unha preocupación polas persoas, polos profesionais que traballan nese medio e que viven e dependen del", concluíu a conselleira, garantindo que a Xunta seguirá poñendo en marcha todos os recursos necesarios para blindar a sustentabilidade económica e o futuro das vilas mariñeiras.