Belén do Campo visita en Paderne a rehabilitación de dúas edificacións tradicionais para a creación dunha pousada e dun restaurante grazas a un apoio do GALP de 200.000 €

A representante do Goberno autonómico destacou en Parderne o apoio do Goberno galego á diversificación da economía azul e coa dinamización do rural galego

Paderne (A Coruña), 9 de xullo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Mar, María Cancelo, visitou hoxe en Paderne, hotel rural e restaurante Bemar do Camiño, na parroquia de Souto, un proxecto de rehabilitación integral de dúas edificacións tradicionais destinadas á creación dunha pousada mariñeira e dun bar restaurante, unha iniciativa apoiada pola Consellería do Mar a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ártabro que exemplifica o compromiso do Goberno galego coa diversificación da economía azul e coa dinamización do rural costeiro.

Durante a visita, a representante do Executivo autonómico destacou que actuacións coma esta “contribúen a recuperar o patrimonio arquitectónico tradicional, crean novas oportunidades de emprego e actividade económica e reforzan a oferta turística vinculada ao mar e ao territorio”.

O proxecto, promovido por unha emprendedora, consistiu na rehabilitación integral de dúas edificacións tradicionais existentes para adaptalas a un establecemento de aloxamento turístico, a Pousada Mariñeira, e a un bar restaurante. A actuación supuxo un investimento total de case 430.000 euros e contou cunha axuda pública de 200.000 euros, financiada a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e da Xunta de Galicia.

A iniciativa nace coa vocación de recuperar e poñer en valor o medio natural e patrimonial da contorna, situada ademais no trazado do Camiño Inglés a Santiago de Compostela, favorecendo un modelo de turismo sostible estreitamente vinculado ao sector pesqueiro local.

Neste sentido, o proxecto contempla o desenvolvemento de actividades de promoción do patrimonio cultural mariñeiro mediante convenios de colaboración con diferentes entidades  do sector pesqueiro para organizar conferencias, charlas e exposición, así como con confrarías de pescadores da contorna para realizar visitas a zonas acuícolas e pesqueiras e degustacións de produtos do mar, reforzando así a conexión entre o turismo, a gastronomía e o sector pesqueiro.

Belén do Campo salientou que este tipo de actuacións responden aos obxectivos das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo dos GALP, orientadas a consolidar a costa galega como un destino turístico atractivo, favorecer a diversificación económica das zonas pesqueiras e crear novas oportunidades de emprego e riqueza no territorio.

O papel do GALP Ártabro

Durante a visita, a delegada puxo en valor o labor desenvolvido polo GALP Ártabro, integrado por 44 entidades socias que contribúen ao desenvolvemento sostible das comunidades costeiras.

A delegada territorial destacou especialmente a implicación das entidades, entre as que se atopan confrarías de pescadores, asociacións veciñais, culturais, turísticas e empresariais, así como clubs náuticos.

A delegada tamén fixo balance da convocatoria de axudas correspondente ao ano 2025, na que o GALP Ártabro apoiou 27 iniciativas cun investimento público superior aos 890.000 euros, mobilizando preto de dous millóns de euros de investimento total.

Ademais, informou de que na convocatoria correspondente a 2026 xa se presentaron 20 iniciativas por importe de 1,6 millóns de euros.

Belén do Campo lembrou que a Xunta, a través da Consellería do Mar, destina este ano un orzamento global de 6,9 millóns de euros ás axudas para proxectos enmarcados nas Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo dos GALP, cofinanciadas polo FEMPA, co obxectivo de seguir avanzando cara a unha economía azul sostible, fomentar a creación de emprego, impulsar a innovación e poñer en valor o patrimonio cultural e ambiental vinculado ao mar.

A delegada concluíu reiterando o compromiso da Xunta co fortalecemento do tecido socioeconómico das zonas costeiras e co apoio a iniciativas que contribúan a fixar poboación, crear oportunidades e aproveitar de forma sostible os recursos ligados ao mar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2026