A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade
A Xunta e o Concello de Baralla avalían vías de colaboración para mellorar o abastecemento de auga da localidade
Ángeles Vázquez explica que o persoal de Augas de Galicia estudará o proxecto municipal para determinar a súa viabilidade técnica e as fórmulas para o seu financiamento
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Baralla, Miguel González, avaliaron hoxe varias iniciativas municipais para a mellora do servizo de abastecemento de auga na localidade.
Nese senso, a conselleira e o rexedor acordaron seguir avanzando neste eido de xeito que o Concello remitirá o seu proxecto a Augas de Galicia para sometelo a supervisión técnica por parte do seu persoal co fin de determinar a viabilidade do mesmo. A continuación, estableceranse as condicións para o seu financiamento.
A maiores, a conselleira lembroulle ao alcalde que Augas de Galicia convoca cada ano varias ordes de axudas destinadas a apoiar os municipios entre as que se inclúen como accións subvencionables tanto a realización de auditorías para coñecer o estado do sistema de abastecemento como para acometer obras para minimizar as fugas nestas redes.
De feito, a conselleira puxo en valor o apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos desde hai anos para que poidan exercer as súas competencias en materia de abastecemento e saneamento dun xeito máis eficiente.
Este apoio ás administracións locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns de euros—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.