O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Ignacio Picatoste, presidiron a reunión do organismo
A Comisión Mixta de Xustiza aborda as actuacións de eficiencia enerxética que a Xunta está a levar a cabo nos edificios xudiciais da comunidade
O Goberno galego está a levar a cabo neste exercicio obras de mellora cofinanciadas con fondos europeos Feder nos tribunais de instancia de Carballo, Caldas de Reis, O Porriño e Monforte e xa rematou os traballos no Carballiño
A Xunta destaca que tamén se traballa no reforzo da seguridade, a mellora da accesibilidade e a adecuación funcional en distintas sedes xudiciais
A Coruña, 10 de xullo de 2026.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Ignacio Picatoste, presidiron hoxe a Comisión Mixta de Xustiza entre Xunta e TSXG. No encontro, no que tamén participou o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, abordouse, entre outros asuntos, as principais actuacións de eficiencia enerxética que a Xunta está a levar a cabo en edificios xudiciais da comunidade, coa cofinanciación de fondos europeos Feder.
Así, o conselleiro aclarou que xa están rematadas as actuacións nos xulgados do Carballiño e están en execución as de Carballo, Caldas de Reis, O Porriño e Monforte. Estas actuacións enmárcanse na aposta do Goberno galego por avanzar cara unha xustiza con infraestruturas máis modernas e sostibles mellorando o confort tanto para os profesionais da Administración de Xustiza como das persoas usuarias. Neste sentido, Diego Calvo avanzou que ademais destas actuacións que se están a executar neste exercicio xa se prevén obras similares para 2027 nos tribunais de instancia de Viveiro, Vilalba e Betanzos, así como nas dependencias xudiciais situadas nas rúas Monforte e Capitán Juan Varela da Coruña.
A estas obras de eficiencia enerxética súmanse outras licitacións previstas para o reforzo da seguridade, a mellora da accesibilidade e a adecuación funcional en distintas sedes xudiciais da comunidade.
No encontro de hoxe tamén se abordou a posibilidade de reactivar a Xunta de Expurgo, para proceder á identificación, clasificación e posible destrución dos expedientes xudiciais rematados, co fin de liberar espazos nos xulgados, sendo necesario para isto a formalización de novos contratos para a catalogación dos expedientes xudiciais. Ademais, deuse conta da importancia da coordinación entre o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e os órganos xudiciais canto ás probas periciais preconstituídas.
Por outra parte, no que se refire á Lei Orgánica 1/2025 de medidas en materia de eficiencia do servizo público de xustiza, a Xunta prevé realizar unha primeira revisión neste ano das relacións de postos de traballo (RPTs) e de posibles necesidades de persoal.
Proxecto novas unidades xudiciais Ministerio
Por outra parte, con motivo da reunión, a Xunta aproveitou para facer referencia ao proxecto de Real Decreto do Goberno central de creación de 19 prazas de xuíces e sete de fiscais para Galicia no marco das 700 prazas en toda España. No caso dos xuíces, trátase de dúas prazas para a sección civil da Audiencia provincial de Pontevedra (unha para a sede de Pontevedra e outra para a de Vigo) e outras dúas na da Coruña. Por outra parte, no que se refire aos tribunais de instancia créanse prazas nas seguintes seccións: tres prazas na sección civil do tribunal de instancia da Coruña, mentres que outras catro se reparten entre Santiago de Compostela, Ourense, Vigo e Ferrol, cunha praza en cada caso. A isto súmanse unha praza na sección de instrución da Coruña e outra na de Vigo; unha praza na sección de Violencia sobre a Muller de Lugo e outra na de Pontevedra; unha praza na sección de familia, infancia e discapacidade do tribunal de instancia de Santiago e unha sección do Mercantil de Vigo. Por último, concédense a Galicia dúas prazas de xuíces de adscrición territorial que a Xunta considera insuficientes.
Nesta liña, o Goberno galego trasladou que tamén se precisarían novas prazas nos tribunais de instancia de localidades como Vilagarcía, Viveiro, Carballo, Sarria ou Ponteareas. Tamén advirte de que non hai ningunha praza na sala do Social do TSXG.
Por outra parte, o conselleiro lembrou que da última proposta realizada por esta Comisión Mixta, o Goberno central si que aceptara a posta en marcha de tribunais de Violencia sobre a Muller en Santiago de Compostela -xa creado-; de Primeira Instancia na Coruña, Ourense, Pontevedra e Vigo e unha praza de maxistrado para a sección civil da Audiencia provincial da Coruña.