Belén do Campo destaca que o Gozo Festival consolida a Galicia como escenario dos grandes eventos musicais internacionais

A representante do Goberno autonómico visitou o recinto Campo que este sábado reunirá no Monte do Gozo a Maroon 5, Martin Garrix, Danny Ocean, Rita Ora e Miriam Rodríguez

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo,  visitou, esta mañá, o recinto da cuarta edición de O Gozo Festival, un evento que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo e que este sábado converterá o Monte do Gozo, en Santiago de Compostela, nun dos principais escenarios musicais do panorama internacional coa actuación de Maroon 5, Martin Garrix, Danny Ocean, Rita Ora e Miriam Rodríguez.

Belén do Campo destacou que O Gozo Festival consolida Galicia como escenario dos grandes eventos musicais internacionais e puxo en valor o papel de Concertos do Xacobeo para atraer á comunidade propostas culturais de primeiro nivel baixo o selo de Galicia Calidade.

Este festival medrou de maneira extraordinaria desde a súa creación en 2023 e converteuse nunha referencia para os afeccionados á música en directo. Neste sentido, salientou que na edición de 2025 reuniu a máis de 55.000 asistentes e acadou un importante impacto mediático que contribuíu a proxectar a marca Galicia a nivel nacional e internacional. Ademais, desde o seu nacemento, máis de 170.000 persoas asistiron á programación de O Gozo Festival, que levou a diferentes cidades galegas artistas internacionais de primeiro nivel, moitos deles actuando por primeira vez na comunidade.

Belén do Campo destacou tamén unha das principais características deste proxecto, como é a súa programación distribuída ao longo de todo o ano, favorecendo a desestacionalización da oferta cultural e turística e permitindo que diferentes cidades galegas acollan concertos de referencia internacional.

A delegada territorial subliñou tamén o compromiso da Xunta coa cultura a través de Concertos do Xacobeo, un programa que financia máis dun cento de eventos ao longo dos próximos meses, dos cales 48 celebraranse na provincia da Coruña.

Neste sentido, explicou que iniciativas como O Gozo Festival permiten achegar a Galicia artistas e producións de primeiro nivel, ao tempo que dinamizan a economía local, impulsan o turismo, fortalecen o sector cultural e proxectan a imaxe da comunidade como un destino de referencia para os grandes eventos.

A representante da Xunta incidiu en que cada concerto supón un importante impacto económico para a hostalaría, o comercio, o transporte e os servizos, contribuíndo á creación de riqueza e emprego nos municipios que acollen este tipo de citas.

Finalmente, Belén do Campo agradeceu o traballo dos promotores, dos equipos técnicos e das empresas implicadas na organización do festival e reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia de seguir apoiando iniciativas que sitúen a comunidade no mapa dos grandes concertos internacionais e reforcen a súa oferta cultural durante todo o ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2026