A Xunta instala 21 paneis divulgativos para informar e sensibilizar á cidadanía sobre o risco de inundación en distintos puntos dos ríos Presa e Postillón, en Cangas

O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos asociados ás áreas de risco potencial significativo de inundación e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio de desbordamento

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2026

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, instalou recentemente un total de 21 paneis informativos en diferentes puntos identificados polo risco de inundación nos ríos Presa e Postillón, ao seu paso polo concello de Cangas de Morrazo.

O obxectivo desta sinalización é concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociadas a episodios de chuvia intensa así como sobre as medidas preventivas e pautas de actuación recomendadas en caso de que se produzan. En concreto, colocáronse 11 carteis de distintos tipos no río Presa (6 reducidos, 2 xerais con 2 caras, 2 xerais con 1 cara e 1 infantil), e 10 no río Postillón (3 reducidos, 3 xerais con 2 caras, 2 xerais con 1 cara e 2 infantís) na Área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) río Presa e río Postillón-Cangas.

Segundo se recolle no Plan de Xestión de Risco de Inundación (PXRI) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, esta zona pertence ao grupo IV, que é aquel no que están incluídas as áreas fluviais de maior perigosidade desde o punto de vista da posibilidade de que se produzan desbordamentos. 

Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a concienciación pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección da cidadanía. Trátase dun traballo enmarcado no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi) e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles de Galicia-Costa.

Deste xeito, cómpre lembrar que, ata o momento, Augas de Galicia colocou xa este tipo de indicadores en 34 concellos con áreas de alto risco de inundación dentro do seu territorio: Gondomar, Ames, Brión, Bueu, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Arteixo, Sada, Fene, Ferrol, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, Baiona, Oia, Cambre, Culleredo, Oroso, Santiago de Compostela, Cuntis, Cambados, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Vilaboa, Vigo e agora Cangas.

O organismo hidráulico adoita combinar nas zonas e sinalizar diferentes formatos e tipoloxías de carteis, como os xerais, os máis completos xa que inclúen información específica sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento, ou os infantís, cunha estética e linguaxe adaptadas á idade do público ao que van dirixidos.

Ademais, Augas de Galicia reforza deste xeito o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria para a xestión do risco de inundación.

No caso concreto de Cangas, os traballos para instalar carteis na  contorna do río Presa e do río Postillón enmárcanse no contrato do organismo hidráulico autonómico para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación, que conta cun investimento de máis de 8.000 euros.

Ao abeiro deste contrato e dentro do Pedarpsi cómpre lembrar que tamén se desenvolven diferentes obradoiros en centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñan as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2026