O director de Augas de Galicia reuniuse co rexedor municipal esta mañá

A Xunta investirá preto de 6 M€ no proxecto para evitar inundacións no concello de Gondomar

O responsable do organismo hidráulico e o alcalde coinciden na necesidade de colaborar na execución dunha obra desta envergadura, que garantirá a seguridade da poboación e tamén permitirá incrementar as zonas de recreo nas contornas dos ríos Zamáns e Miñor

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026

A Xunta de Galicia destinará un investimento de preto de 6 millóns de euros a executar as obras necesarias para resolver os problemas de inundacións que provocan os ríos Zamáns e Miñor ao seu paso polo concello de Gondomar. Así llo trasladou esta mañá o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, ao alcalde do municipio, Francisco Ferreira, con quen se reuniu para presentarlle o proxecto definitivo da actuación, que consistirá na execución dun novo viaduto na confluencia de ambos ríos.

Tras indicarlle que xa foron tramitadas as solicitudes dos informes sectoriais necesarios, o responsable autonómico explicou que a previsión é iniciar á licitación antes de finais deste ano para poder proceder á adxudicación e inicio das obras o vindeiro 2027. O Concello deberá acadar a dispoñibilidade dos terreos mentres que Augas de Galicia asumirá a execución e o 100% do financiamento.

Neste sentido, ambos destacaron a necesidade de que tanto o organismo hidráulico como o Goberno local traballen xuntos e co espírito de colaboración institucional que require a abordaxe dunha obra desta envergadura e que beneficiará a máis de 15.000 persoas.

Para minimizas as molestias durante as obras, a intervención proposta inclúe a execución dun desvío provisional da estrada autonómica cun paso sobre o río Miñor, o que permitirá manter o tráfico durante a execución dos traballos. Ademais, o proxecto inclúe a execución dun canal de alivio baixo o novo viaduto para a evacuación de caudais desde o río Zamáns ata o río Miñor nas épocas de crecida e tamén a adecuación da zona con dous paseos fluviais e dúas pasarelas para peóns.

A intervención proxectada en Gondomar non só garantirá a seguridade da poboación protexéndoa fronte a posibles inundacións senón que tamén permitirá incrementar as zonas de recreo nas contornas dos ríos Zamáns e Miñor ao seu paso polo municipio.

Data de actualización: 14/07/2026