Martina Aneiros destaca o impacto social e territorial do XXIV Tríatlon Cidade de Ferrol

Ferrol, 16 de xullo de 2026.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación do XXIV Tríatlon Cidade de Ferrol. A cita deportiva, organizada polo Club Tríatlon Ferrol e a Federación Galega de Tríatlon co patrocinio do Concello de Ferrol, celebrarase este sábado 18 de xullo a partir das 15:30.

Esta proba, enmarcada na Liga Galega de Tríatlon, é este ano puntuable para o Ránking Nacional de Tríatlon, coa participación de 134 deportistas chegados de dentro e fóra da comunidade. Durante a mesma xornada, celebrarase o Clasificatorio Youth para o Campionato de Europa, que se celebrará en Melilla. A competición reunirá a 83 dos mellores talentos nacionais das categorías cadete e xuvenil nunha cita clave para definir a selección que representará a España no Europeo.

Durante o acto, Aneiros destacou estes novos aspectos do encontro deportivo, que fan da competición “unha cita que medra, que gaña relevancia e que segue abrindo portas para as novas xeracións”. Salientou tamén a importancia deste tipo de eventos “que non só teñen impacto no plano competitivo, senón tamén no plano social e territorial, axudando a crear ambiente, a atraer visitantes e a seguir consolidando unha imaxe de cidade activa, preparada e aberta a seguir medrando a través do deporte”.

A delegada agradeceu aos organizadores e participantes na cita e aproveitou para facer fincapé no esforzo das novas promesas que participarán no Clasificatorio Youth, “que representan o futuro do tríatlon e lembran a importancia de seguir apoiando o deporte base con decisión e con compromiso”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/07/2026