Villares insta á Deputación de Lugo a aclarar o seu grao de implicación no futuro do Muferga

O delegado territorial da Xunta lembra que a institución provincial non asiste ás reunións do Padroado desde 2024 nin formalizou aínda a achega correspondente ao ano pasado

Lugo, 18 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, na súa condición tamén de presidente do Padroado da Fundación dos Ferrocarrís de Galicia -entidade xestora do Muferga-, vén de remitir un escrito á Deputación Provincial de Lugo solicitándolle que defina con claridade se vai manter o seu compromiso coa entidade e se está disposta a cumprir coas responsabilidades que lle corresponden como integrante do Padroado. Lembra que a institución provincial non asiste ás reunións desde o 11 de setembro de 2024 e que ten aínda pendente de ingresar a achega anual correspondente ao exercicio 2025.

Villares lamenta a falta de implicación amosada pola Deputación Provincial lucense e subliña que, fronte a esta situación, os demais membros do Padroado manteñen o seu “firme compromiso” coa Fundación. Neste sentido, explica que na última reunión, celebrada o pasado 30 de xuño, acordaron valorar a posibilidade de realizar un esforzo adicional para facer fronte ao incremento retributivo do persoal do museo, de acordo co convenio colectivo que lles resulta de aplicación.

Neste contexto, o delegado territorial considera “urxente e necesario” que a Deputación Provincial “defina tamén o seu grao de implicación” co futuro da Fundación e faga ademais efectiva a achega anual aínda pendente.

O representante da Administración Autonómica destaca que o Muferga constitúe un proxecto “estratéxico e de referencia na conservación, investigación e difusión do patrimonio ferroviario galego, cun importante valor cultural, turístico e divulgativo”, e lembra que a súa continuidade require da “implicación e corresponsabilidade” de todas as institucións representadas no Padroado.

Para Villares, “é o momento de ofrecer certezas sobre o futuro do Muferga”, de maneira que a Fundación dos Ferrocarrís de Galicia poida “planificar con estabilidade as súas actuacións e garantir a continuidade dun proxecto que leva décadas contribuíndo á conservación e posta en valor do patrimonio ferroviario na nosa comunidade”.

Data de actualización: 18/07/2026