Mar apoia a promoción do consumo de carneiro da ría de Ferrol
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, asistiu a un evento de degustación deste marisco
A Xunta apoia a Confraría de Pescadores de Ferrol para actividades de divulgación e promoción
A Coruña, 17 de xullo de 2026
A directora xeral e Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, asistiu hoxe na Coruña a unha xornada de degustación de carneiro na que mostrou o apoio da Xunta na “promoción dun bivalvo exclusivo das nosas rías que merece ocupar un lugar destacado na mesa e no recoñecemento das persoas consumidoras”.
Ángeles V. Suárez salientou no acto, organizado pola Confraría de Pescadores de Ferrol, “o compromiso firme da Xunta, a través da Consellería do Mar, coas campañas de comercialización e divulgación que dan visibilidade aos produtos artesanais das nosas rías”, unhas actividades que permiten, segundo a directora xeral, “dignificar o traballo do sector marisqueiro, potenciar marcas locais diferenciadas e xerar un maior valor engadido para as propias confrarías”.
O evento, celebrado hoxe na Coruña co apoio da Consellería do Mar, é a continuación do proxecto de divulgación plurianual do pósito ferrolán, que remata este ano, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) a través do GALP Golfo Ártabro Norte.
No showcooking o público asistente probou ata cinco elaboracións de carneiro: con granizados e cítricos, en crema fría con mazá, ao vapor, en vinagreta e en ceviche. En Galicia colleitáronse no que vai de ano 22.611,75 quilos de carneiro, dos que 3.731 quilos procederon da ría de Ferrol.