A conselleira de Política Social e Igualdade asinou o convenio co alcalde en funcións do Concello
A Xunta financiará con 150.000 € a fase final do novo edificio polivalente de Rodeiro, que acollerá o futuro centro de día e o punto de atención infantil
Fabiola García destaca a importancia deste novo centro, que servirá para favorecer o apoio ás familias e reforzar a conciliación da vida laboral e familiar dos veciños
En total, a achega do Goberno galego a esta actuación suma xa 350.000€, tendo en conta o investimento destinado nas tres primeiras fases da obra
Santiago de Compostela, 20 de xullo do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinou esta mañá co alcalde en funcións de Rodeiro, Alberte Lamazares, un convenio de colaboración polo que a Xunta achegará 150.000€ ao Concello para financiar a cuarta fase da construción dun novo edificio polivalente que terá uso asistencial. Este inmoble acollerá un centro de día para persoas maiores e o Punto de Atención Infantil (PAI) de Rodeiro.
Esta nova achega, comprometida polo Presidente da Xunta na súa reunión co rexedor, súmase ao financiamento xa aportado polo Goberno galego ás tres primeiras fases, que sumou outros 200.000€. Polo que, en total, o investimento da Xunta neste novo centro de carácter interxeracional elevase xa aos 350.000€.
Tras a sinatura, a conselleira de Política Social e Igualdade puxo en valor a importancia que terá para Rodeiro este novo centro, no que tamén colabora a Deputación de Pontevedra e que servirá para favorecer o apoio ás familias e reforzar a conciliación da vida laboral e familiar dos veciños deste concello.