A conselleira do Mar asiste a Xornada de innovación na Pesca da OPP-7 Burela
Villaverde resalta o papel clave da tecnoloxía e a dixitalización ante os retos do sector pesqueiro
Escoitou as propostas innovadoras de empresas galegas para enfrontar os retos do sector marítimo-pesqueiro
A conselleira incidiu na importancia da unidade e implicación do sector
Burela (Lugo), 22 de xullo de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asistiu hoxe a Xornada de Innovación na Pesca organizada pola OPP-7 Burela, na que resaltou ante os socios da organización o papel clave que xogan a tecnoloxía e a dixitalización na consecución dos obxectivos do sector, como son a sustentabilidade, trazabilidade ou remuda xeracional entre outros.
“O noso complexo mar-industria atópase nun proceso de profunda transformación tecnolóxica”, afirmou a conselleira, destacando o seu apoio aos profesionais da pesca “nesta transición que, sen dúbida, é tan importante”.
A conselleira enumerou ante os asistentes os principais obxectivos a acadar, como son mellorar a eficiencia operativa da frota, optimizar o control e a trazabilidade das capturas, avanzar nunha maior optimización e sustentabilidade dos recursos, afrontar os desafíos da transición enerxética e a descarbonización da frota e impulsar a modernización das infraestruturas, técnicas e sistemas de traballo. Grazas a todo isto, explicou, lograrase “facer que os oficios do mar sexan máis atractivos e motivadores para a mocidade, favorecendo así a remuda xeracional”.
Na súa intervención, Villaverde destacou, ademais, o potencial da iniciativa privada galega para ofreceren solucións innovadoras, como as presentadas durante a devandita xornada. “En Galicia xa operan empresas punteiras no desenvolvemento destas tecnoloxías emerxentes”, apuntou a titular de Mar, sinalando que “a nosa frota debe seguir apostando por incorporar eses avances, asumindo unha estratexia proactiva que lle permita adaptarse, canto antes, aos novos desafíos”.
Ante esta sucesión de obxectivos e solucións innovadoras propostas, Villaverde fixo unha chamada a continuar coa “implicación que está demostrando o sector pesqueiro”, ademais de reclamar “un apoio firme por parte doutras Administracións, tanto a nivel financeiro como de simplificación administrativa”.
Neste punto reclamou á Comisión Europea “o mesmo compromiso” que demostra a Xunta de Galicia, esixindo así a Bruselas unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC) que vele polo “reequilibrio entre os eixes ambiental, económico e social para poder garantir o futuro do sector”. Tamén recordou o manifesto asinado no Grupo de Traballo de Pesca da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas Europeas, que agora preside Galicia, no que se solicita, entre outras medidas, que se substitúa o enfoque punitivo da obriga de desembarque por un modelo máis pragmático baseado na prevención, a selectividade das artes e a innovación científica. Incidiu, ademais, no esforzo que está a realizar a Xunta para ser escoitada no marco das negociacións do novo Marco Financeiro Plurianual no que insistimos en que se manteña un fondo específico e cunha contía suficiente para os sectores da pesca e acuicultura, como o actual FEMPA.