O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na clausura do curso de verán da UNED centrado nas entidades supramunicipais como prestadoras de servizos esenciais para a cidadanía
A Xunta destaca a cooperación entre entidades locais como modelo estratéxico de xestión
Diego Calvo referiuse á aposta do Goberno galego polas fórmulas de colaboración, coa creación de novos mecanismos áxiles e moi demandados no marco da nova Lei de Administración Local de Galicia
Os proxectos presentados de forma conxunta entre distintas administracións ou concellos fusionados xa teñen prioridade no acceso ás axudas autonómicas para favorecer a optimización dos recursos
Lalín (Pontevedra), 22 de xullo de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na clausura do curso de verán da UNED centrado nas entidades supramunicipais como prestadoras de servizos esenciais para a cidadanía, onde destacou a aposta da Xunta polo fomento da cooperación entre administracións locais para mellorar a capacidade financeira e a calidade na prestación de servizos, contribuíndo a fixar poboación. Nesta liña, sinalou que a nova Lei de Administración Local de Galicia avanza neste obxectivo como modelo estratéxico de xestión.
Así, a norma dedica un capítulo enteiro ás fórmulas de cooperación e colaboración entre administracións, poñendo o foco na necesidade de prestar servizos públicos de forma eficaz e sostible para optimizar medios e non perder recursos.
O conselleiro referiuse á creación de novos mecanismos áxiles e moi demandados polas administracións locais, entre os que citou as áreas funcionais de carácter temporal ou as agrupacións en materia de persoal, situando a voluntariedade dos concellos na utilización das distintas fórmulas como clave da autonomía local. Cómpre lembrar que a Xunta xa incentiva a cooperación intermunicipal dándolles prioridade nas liñas de axudas aos proxectos presentados de forma conxunta por varias entidades locais ou por concellos fusionados.
Apoio ao financiamento local
Con respecto a outro dos temas abordados no curso, o financiamento, Diego Calvo incidiu no esforzo realizado polo Goberno galego cada ano para dar resposta ás necesidades do eido local. A través de instrumentos como o Fondo de Cooperación Local, que neste ano ascende a 187 millóns de euros, 20 millóns máis que o ano pasado, e diferentes medidas de apoio destinadas a que a poboación galega conte con infraestruturas e servizos municipais de calidade con independencia do seu lugar de residencia, a Xunta destina este exercicio un total 670 millóns de euros ás entidades locais, case 30 millóns máis que 2025 e a cifra máis alta da historia.
Ademais, a nova Lei de Administración Local de Galicia introduce novidades significativas en materia de financiamento ás que se referiu o conselleiro, como o establecemento dunha nova regulación da participación das entidades locais nos tributos económicos e a incorporación de criterios como a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación. O obxectivo de mellorar a suficiencia financeira dos concellos e garantir un reparto dos recursos más equitativo.
Entre outras novidades da futura norma citou tamén o establecemento dun réxime especial para municipios en situación de reto demográfico, ofrecéndolles un apoio reforzado.
Para Diego Calvo, a celebración de cursos como o clausurado hoxe contribúen a darlle visibilidade ás necesidades do eido local e fomentan a reflexión arredor de temas de especial relevancia para a cidadanía, un obxectivo compartido desde a Xunta.