A Unidade de Policía Nacional Adscrita e Gardacostas de Galicia comisan máis de 112 quilos de percebe na Coruña

No marco dun operativo contra o furtivismo levado a cabo na costa da cidade, os axentes identificaron 53 persoas e tramitaron 48 denuncias por infraccións da Lei de Pesca de Galicia

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2026

Axentes do Equipo de Resposta Policial (Erpol) da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) e efectivos do servizo de Gardacostas de Galicia, en colaboración coa confraría da Coruña, desenvolveu entre o 14 e o 17 de xullo 15 dispositivos contra a extracción ilegal de recursos mariños na costa da cidade da Coruña, que se saldou coa tramitación de 48 denuncias e o comiso de máis de 112 quilos de percebe.

No marco deste operativo, no que tamén participaron axentes da sede provincial da UPA na Coruña, os axentes identificaron 53 persoas e tramitaron 48 denuncias por infracción da Lei de Pesca de Galicia. Os operativos saldáronse coa intervención de 112,3 quilos de percebe extraído de forma ilícita, así como diverso material que incluía pranchas de poliespán e equipamento de mergullo profesional. O marisco comisado foi doado a un centro benéfico da Coruña logo da análise sanitaria.

No marco das actuacións desenvolvidas, a Confraría de Pescadores da Coruña localizou inicialmente dous individuos que realizaban extracción furtiva equipados con traxes e material de mergullo profesional, o que lles facilitaba o acceso a zonas de difícil alcance e a obtención de exemplares de maior tamaño. Esta práctica non só agrava o espolio do medio natural, senón que supón unha vantaxe inxusta e unha competencia desleal para os profesionais do sector.

Outro dos operativos requiriu  presenza policial a bordo dunha embarcación para apoiar o Servizo de Gardacostas, por causa da actitude hostil mostrada por varios furtivos que se negaban a identificarse nunha zona insular de acceso complexo.

Estas actuacións enmárcanse no reforzo realizado pola UPA, en colaboración coa Consellería do Mar e coas confrarías de pescadores, no eido da loita contra o furtivismo e na protección dos recursos mariños afectados. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto sen as debidas garantías sanitarias.

Data de actualización: 26/07/2026