A Xunta ofrece a Vigo a cesión gratuíta do inmoble da antiga estación de autobuses

O Goberno galego ábrese a tramitar o expediente de cesión nas condicións actuais, incluíndo a parcela e os seus accesos

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026

A Xunta ofrece ao Concello de Vigo a cesión a título gratuíto do inmoble da antiga estación de autobuses, situado na avenida de Madrid da cidade olívica, nunha zona que, segundo o PXOM, ten como únicos usos posibles os de zona verde e viarios.

Nunha carta remitida polo director do Patrimonio, José María Barreiro, ao Concello de Vigo, o Goberno galego ábrese a tramitar o expediente de cesión “nas condicións actuais”, incluíndo a parcela e os seus accesos. O Concello de Vigo tiña solicitado a reversión do ben. Porén, a Xunta, tras analizar as diferentes opcións, atopa imposible o uso desa figura xurídica, “tendo en conta as circunstancias da adquisición dos terreos”.

Unha vez analizadas as distintas alternativas de uso sobre o inmoble, a Administración autonómica considera que a cesión é a mellor opción para amparar a utilización dos terreos por parte do Concello, polo que a Xunta insta ao goberno municipal a facer unha petición formal nos termos indicados para, deste xeito, “poder iniciar o expediente e formalizar a resolución”.

Data de actualización: 24/07/2026