A Xunta lamenta as complicacións derivadas da implantación da nova Lei de eficiencia xudicial pola brevidade dos prazos e a falta de fondos estatais
O director xeral de Xustiza participou na Conferencia Sectorial de Xustiza, onde incidiu no esforzo en materia de persoal e de recursos ao que se viu obrigada Galicia para dar cumprimento á nova norma nos tempos establecidos
No que respecta á dotación de prazas xudiciais, o Goberno galego critica que só se atribuísen á comunidade 19 prazas de xuíces e sete de fiscais
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe por videoconferencia na Conferencia Sectorial da Administración de Xustiza, onde se abordou a avaliación do impacto da implantación dos tribunais de instancia. José Tronchoni incidiu no esforzo na dotación de persoal e recursos ao que se viu obrigada Galicia para darlle cumprimento á nova lei de eficiencia xudicial, “implantada con prazos demasiado breves, sobrecarga nas áreas de execución e sen apoio económico por parte do Goberno central”.
Segundo indicou o director xeral, para poder manter o rendemento de exercicios anteriores nas diferentes áreas de xestión, foi preciso reforzar persoal e realizar chamamentos de interinos de maneira rápida e eficaz. Todo isto, engadiu, nun contexto de extraordinaria mobilidade dos traballadores, como consecuencia da resolucións de concursos de traslados e das comisións de servizo, que complicou aínda máis os traballos.
Outro dos temas tratados no encontro foi a análise da dotación de prazas xudiciais, no que José Tronchoni lamentou que o Ministerio de Xustiza unicamente atribuíse a Galicia 19 prazas de xuíces e sete de fiscais no marco das 700 prazas en toda España. Neste punto tamén demandou que, de cara á próxima creación, en 2027, das seccións de violencia sobre a muller, “se dea traslado previamente para presentar alegacións sobre os partidos xudiciais que deban corresponder, a diferenza do acontecido este ano coa posta en funcionamento das seccións de Ourense e Santiago de Compostela”.
Canto á execución dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) para a dixitalización da xustiza, o director xeral apuntou que en Galicia supera o 96%, con actuacións centradas na dotación de infraestruturas e de medios, como equipamento informático e multimedia, e na ciberseguridade. Así, dos máis de 14,1 millóns de euros transferidos á comunidade, no primeiro trimestre do ano xa se executaran case 13,6 millóns.