O director de Turismo de Galicia abriu a celebración como pregoeiro

Xosé Merelles salienta en Curtis o valor das recreacións históricas como atractivo turístico durante o pregón das festas do 1900

Salientou o acaído desta celebración en liña coa demanda do visitante actual que busca experiencias diferenciadas, auténticas e con identidade

Curtis (A Coruña), 25 de xullo de 2026.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, foi o encargado de pronunciar o pregón das Festas do 1900 de Curtis, unha cita que este ano celebra a súa décima edición e que rende homenaxe ás históricas feiras que marcaron o desenvolvemento económico e social do municipio coa chegada do ferrocarril.

Xosé Merelles puxo en valor o papel que desempeñan celebracións como esta na promoción do destino Galicia, ao ofrecer experiencias vinculadas á autenticidade e á identidade local. Ademais, destacou o compromiso da veciñanza, do tecido comercial e do Concello por consolidar unha celebración que combina historia, patrimonio e identidade, converténdose nun referente entre as recreacións históricas de Galicia.

Durante a súa intervención, lembrou a importancia que tivo a chegada do ferrocarril na transformación de Curtis e estableceu un paralelismo coa súa vila natal, A Rúa, en Ourense. "Aínda que non son de Curtis, nacín nun pobo que podemos considerar irmán do voso. Sepárannos moitos quilómetros, pero únennos un mesmo espírito: o de ter nacido ao carón dunha estación que trouxo xente nova, ideas renovadas e un xeito distinto de mirar o mundo", afirmou.

"Un dos principais valores de Galicia é precisamente a súa autenticidade e singularidade. Unhas festas coma estas, que beben da historia local e a converten en experiencia única para quen vén de fóra, son exactamente o que o visitante de hoxe está buscando", sinalou.

Finalmente, incidiu en que o turismo actual busca propostas diferenciadas e con identidade propia, destacando que "Galicia é costa e é Camiño de Santiago, é patrimonio e gastronomía, pero Galicia é tamén, e sobre todo, isto que hoxe estamos a vivir aquí: pobos que gardan grandes historias e que saben como compartilas".

"Conseguistes que Curtis, coa súa recreación histórica das Feiras de 1900, se convertese nun dos exemplos mellor logrados de todo o noso territorio e nunha das mellores recreacións históricas de Galicia", destacou. Ademais, animou ás persoas visitantes a aproveitar a súa estancia para descubrir o municipio e a comarca.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/07/2026