Villaverde destaca a reserva mariña ‘Os Miñarzos’ de Lira como exemplo de sostibilidade e excelencia dos produtos do mar

A conselleira do Mar participou na Festa Degustación dos Produtos extraídos desta área protexida e que cada ano organizan os socios da Confraría de Pescadores

Carnota (A Coruña), 25 de xullo de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asistiu hoxe na explanada do porto de Portocubelo á Festa Degustación dos Produtos da Reserva Mariña ‘Os Miñarzos’, organizada pola Confraría de Pescadores de Lira. Durante o acto, no que estivo acompañada polo patrón maior do pósito, Mariano Lago, a titular autonómica destacou esta cita gastronómica como un bo exemplo da promoción dos recursos do mar capturados mediante artes de pesca artesanais e respectuosas coa contorna.

Villaverde subliñou que ‘Os Miñarzos’ constitúe a primeira reserva mariña de interese pesqueiro da costa atlántica peninsular e un modelo pioneiro de coxestión no que a comunidade pesqueira participa activamente no coidado e protección do seu medio. Neste senso, salientou que a ordenación da actividade e o respecto polas zonas de reserva garanten un produto de calidade excepcional.

A conselleira puxo de manifesto que a protección dos recursos mariños é o mellor garante para a viabilidade económica e o desenvolvemento do sector e tamén reafirmou o apoio do Goberno galego aos produtos do mar de Galicia.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 25/07/2026