A Xunta salienta a ciencia e a innovación como motores de futuro na presentación da nova edición do ForoAcui no Grove

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, reuniuse cos organizadores do XXVIII Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas, que se celebrará a comezos de outubro

Reunirá a máis de 200 especialistas, centrarase na innovación, as novas tecnoloxías, a adaptación ao cambio climático e a xestión sustentable da cadea mar-industria

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, mantivo un encontro cos organizadores do Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas (ForoAcui) para avanzar nos detalles da próxima edición. Na reunión, o responsable autonómico destacou o compromiso estratéxico da Xunta coa investigación aplicada e a transferencia de coñecemento científico como ferramentas esenciais para reforzar a competitividade do sector e garantir o futuro da economía azul na comunidade.

Nesta ocasión, o encontro serviu para abordar a programación do XXVIII ForoAcui, que terá lugar os vindeiros 1 e 2 de outubro no Auditorio Municipal do Grove, coincidindo co marco da Festa do Marisco e prevé reunir a entre 200 e 250 participantes entre persoal investigador, empresas, administracións, profesionais do sector e estudantes.

O programa de 2027 articularase arredor de mesas de traballo especializadas sobre investigación, marisqueo e pesca de baixura, acuicultura, empresa e xestión de recursos mariños. Rosón felicitou á organización pola súa traxectoria de case tres décadas conectando a ciencia e o tecido produtivo, e salientou o valor do foro para visibilizar o traballo do ecosistema científico galego —con entidades autonómicas de referencia como o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), o Centro de investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), ou o Instituto Galego para Formación en Acuicultura (Igafa) e as tres universidades galegas— ao tempo que se abre a experiencias e relatores de ámbito internacional.

O libro de ForoAcui

Como parte do compromiso coa difusión do coñecemento, na xuntanza tamén se puxo en valor a presentación do libro anual do XXVII ForoAcui, un volume que recolle a memoria técnica da edición anterior. Esta publicación transforma o debate oral nun documento permanente de referencia técnica para investigadores, profesionais e administracións.

A obra inclúe a conferencia inaugural impartida pola directora do Intecmar, Covadonga Salgado, arredor do control sanitario e das biotoxinas mariñas, así como 27 conferencias e 40 comunicacións científicas que afondan na xestión do mexillón, o impacto climático no marisqueo ou os avances en biotecnoloxía e acuicultura.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 24/07/2026