O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude trasladou a decisión do Comité de Patrimonio Mundial aos rexedores dos 26 concellos de Lugo e Ourense deste territorio
A Xunta destaca o “escenario favorable” para a Ribeira Sacra tras a decisión da Unesco de darlle un ano máis de prazo para facer axustes na candidatura
“Mantén o proxecto máis vivo ca nunca”, asegura López Campos, quen salienta que se rexeitase o informe de Icomos que emprazaba á retirada do mesmo e se chegase ao acordo excepcional de crear unha misión especial de apoio
Agradece “a implicación e defensa” da proposta por parte do Ministerio de Cultura e, en especial, do Embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta
O representante do Goberno galego amosa o compromiso da Xunta en “continuar traballando arreo” para obter este recoñecemento en 2027
Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe o “escenario favorable” para a Ribeira Sacra que supón a decisión tomada hoxe no Comité de Patrimonio Mundial da Unesco de dar un ano máis de prazo á candidatura para que se realicen axustes técnicos e se achegue informacións adicionais necesarias de cara a formar parte desta prestixiosa lista de bens en 2027.
Así llo salientou, en reunión telemática, aos alcaldes dos 26 concellos de Lugo e Ourense e representantes de entidades presentes neste territorio, na que puxo en valor o “acordo excepcional” tomado na Sesión celebrada en Busán, onde se decidiu crear unha misión especial de apoio por parte de Icomos que permita reforzar aspectos da candidatura “e chegar ao próximo comité coas maiores garantías posibles”. “É unha boa nova que mantén a candidatura máis viva que nunca e que rexeita o informe de Icomos que emprazaba a súa retirada”, aseverou.
López Campos lembroulles aos alcaldes que nesta votación estivo presente o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, acompañado polo coordinador da candidatura da Ribeira Sacra, Mario Crecente, xunto co embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, así como de representantes do Ministerio de Cultura e do de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación.
Precisamente, o titular de Cultura do Goberno galego puxo en valor “á coordinación plena e esforzo conxunto” de ambas dúas administracións na defensa desta proposta “sólida, rigorosa e novidosa” que se basea nos atributos excepcionais e únicos desta paisaxe construída co uso da auga e que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial.
Deste xeito, considerou que se deixou constancia do carácter único deste territorio amosando desde a espectacularidade dos canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días como muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga.
Neste aspecto, quixo facer un recoñecemento expreso ao “importante papel” desempeñado polo embaixador de España ante Unesco, Miquel Iceta, do que gabou “a súa implicación e defensa total” da candidatura ante os 21 embaixadores do estados membros do Comité de Patrimonio Mundial da Unesco correspondentes aos países de Armenia, Acerbaixán, Bangladesh, Chequia, Granada, Xamaica, Kazakistán, Kenia, Kuwait, Líbano, Mongolia, Perú, Polonia, República de Corea, Senegal, Suíza, Togo, Turquía, Ucraína, República Unida de Tanzania e Vietnam.
Por estes motivos, amosouse convencido de que o ano que se lle ten outorgado para perfeccionar a candidatura da Ribeira Sacara dará, finalmente, “o resultado desexado por todos” e amosou o compromiso do Goberno galego de “continuar a traballar arreo” para acadar que 2027 sexa, definitivamente, “o ano dun quinto Patrimonio Mundial para Galicia”. Neste senso, e tras agradecerlles aos rexedores e axentes do territorio o “apoio e lealdade constante desde os primeiros pasos da candidatura”, fixo fincapé na implicación do Goberno galego para que a Ribeira Sacra “xa sexa, na actualidade, un territorio máis vivo e recoñecido”.
Ao respecto, apuntou os preto de 8M€ que a Xunta leva investido na conservación e posta en valor de diferentes bens patrimoniais desta comarca da provincias de Lugo e Ourense. Así, precisou que, ao longo deste período, a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros.