A Xunta publica a convocatoria das axudas a proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global a executar polas ONGD

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe as liñas de subvencións para iniciativas que impulsen o desenvolvemento social, cun orzamento de 720.000 €

O prazo para a presentación de solicitudes comeza mañá e prolóngase un mes

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para a realización de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global e que executarán as Organizacións Non Gobernamentais de Desenvolvemento (ONGD), por importe de 720.000 euros ata 2027. A subvención mantense respecto ás últimas convocatorias e a dotación distribúese entre os 288.000 euros deste exercicio e os 432.000 euros restantes previstos para o próximo ano.

Poderanse financiar actividades que forman parte da educación para o desenvolvemento desde catro perspectivas: a sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza; a formación sobre o desenvolvemento e a súa difusión nos ámbitos educativos; a investigación neste ámbito; así como a incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na sociedade.

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as ONGD e agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación, isto é, universidades, empresas e organizacións empresariais, sindicatos, as comunidades galegas no exterior, e outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

Ademais, como novidade, esta convocatoria ábrese a que as universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e as súas entidades ou centros de investigación públicos, poidan ser tamén entidades beneficiarias directas das axudas, sen necesidade de que teñan que presentarse en agrupación cunha ONGD.

Prazo dun mes para a presentación

As entidades interesadas en solicitar estas axudas poderán facelo dende mañá e cun mes de prazo de maneira electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

O importe máximo das axudas para  proxectos individuais executados en 2026 é de 26.000 euros e de 37.000 euros se se trata de iniciativas plurianuais. No caso de proxectos plurianuais presentados por varias entidades en agrupación a contía da axuda poderá acadar os 47.000 euros se son programas plurianuais e de 36.000 euros se son anuais.

A Xunta destaca a importancia da educación para o desenvolvemento, ao tratarse  dun valor engadido da cooperación descentralizada que cómpre potenciar dende a cooperación galega, tendo en conta, ademais, que a meirande parte das ONGD galegas traballan neste eido como unha das súas liñas estratéxicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2026