O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou no acto de presentación da carteleira
A Rede Galega de Teatros e Auditorios achégalle sete funcións á nova programación do Teatro Principal de Ourense
A actividade apoiada pola Xunta arranca coa estrea de ‘O sangue das promesas: Incendios’, de Sarabela Teatro, que ofrecerá tres funcións do 17 ao 19 de setembro
Inclúe dúas producións do Centro Dramático Galego: ‘A serie clopen’ e ‘Memorias dun neno labrego’
O circuíto autonómico de espectáculos celebra o seu 30º aniversario neste semestre con 223 funcións a cargo de 109 compañías e grupos en 39 concellos
Ourense, 28 de xullo de 2026
A Rede Galega de Teatros e Auditorios contribuirá con cinco espectáculos e sete funcións á próxima programación do Teatro Principal de Ourense, que se desenvolverá de setembro a decembro cun total de 30 propostas culturais entre teatro, música, danza, circo e programación familiar, ademais de citas como o OUFF-Festival Internacional de Cine e o Festival Internacional de Teatro, tamén apoiados pola Xunta de Galicia.
A nova carteleira do espazo ourensán foi presentada hoxe coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen destacou o peso da creación galega e das producións públicas dentro desta oferta. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou que a actividade prevista “reflicte a función da Rede como principal plataforma pública para a circulación dos espectáculos profesionais e para o encontro entre as compañías e o público”. Segundo explicou, a colaboración co Teatro Principal de Ourense “permite combinar a estrea de novas creacións galegas, a continuidade de montaxes xa recoñecidas polo público e a presenza das producións da compañía teatral pública de Galicia”.
En concreto, a contratación cofinanciada pola Xunta de Galicia inclúe as funcións de O sangue das promesas: Incendios, de Sarabela Teatro; A penúltima, de Con De Tres Pés; Malquerida, de Producción Alternativa e Contemporánea Off, e as producións do Centro Dramático Galego A serie clopen e Memorias dun neno labrego, esta última realizada xunto á compañía Contraproducións.
Estrea coa compañía Sarabela Teatro
O calendario da Rede Galega de Teatros e Auditorios no escenario da ourensá rúa da Paz comezará os días 17, 18 e 19 de setembro con O sangue das promesas: Incendios, coprodución de Sarabela Teatro e a compañía portuguesa Escola da Noite, nunha proposta que contou con subvención da Xunta de Galicia á creación escénica. A montaxe, dirixida por Antonio A. Barros e Ánxeles Cuña a partir do texto de Wajdi Mouawad, presenta un elenco integrado por Nerea Brey, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Ricardo Kalash, Igor Lebreaud, Miguel Magalhäes, Laura Míguez, Ana Teresa Santos e Elena Seijo. A obra parte da morte de Nawal Marwan, quen deixa aos seus fillos xemelgos dous sobres que os conducen cara a un pasado descoñecido e a unha viaxe na procura da verdade.
O 25 de setembro será a quenda de Carlos Blanco con A penúltima, un espectáculo de narración oral no que recupera historias novas e anteriores da súa traxectoria. Xa o 18 de outubro representarase Malquerida, adaptación da obra de Jacinto Benavente dirixida por Natalia Menéndez e protagonizada por Aitana Sánchez-Gijón xunto a Juan Carlos Vellido, Lucía Juárez, Goizalde Núñez, Dani Pérez Prada, José Luis Alcobendas, Álex Mola e Antonio Hernández Fimia.
Dúas producións do Centro Dramático Galego
A presenza do Centro Dramático Galego abrirase o 30 de outubro con A serie clopen, produción realizada con dramaturxia de Clara Gayo e dirección de Pablo Reboleiro. Teatro, circo, danza, clown e acrobacia combínanse nesta proposta arredor dos retos aos que se enfronta a mocidade nun contexto de incerteza, desigualdade e crecente dixitalización.
O 14 de novembro chegará Memorias dun neno labrego, produción do Centro Dramático Galego e Contraproducións dirixida por Cándido Pazó. A montaxe traslada ás táboas a obra de Xosé Neira Vilas a través da voz de Balbino e das súas lembranzas sobre a infancia, a escola, o traballo, as desigualdades, a emigración e a vida na Galicia rural dos anos corenta. O elenco está formado por Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santos.
Trinta anos de programación en rede
A Rede Galega de Teatros e Auditorios celebra en 2026 o seu 30º aniversario. A súa segunda carteleira semestral reúne 223 funcións e concertos de 109 compañías e grupos en 39 concellos das catro provincias. Por disciplinas, están previstas 180 representacións de teatro, 16 de danza, 14 concertos, oito funcións de circo e cinco de maxia.
Na provincia de Ourense desenvolveranse 21 funcións en catro concellos: Ourense capital, A Rúa, O Barco de Valdeorras e O Carballiño. A Rede está coordinada e cofinanciada pola Xunta de Galicia xunto coas entidades locais asociadas co obxectivo de favorecer unha oferta cultural estable e a circulación da produción escénica profesional.