O director de Turismo de Galicia e a delegada territorial da Xunta en Ferrol participaron na presentación da programación da cita deste ano
A Xunta impulsa un ano máis as festas de Ferrol nun momento no que a cidade consolida o seu crecemento turístico cun 48,6 % máis de viaxeiros
Vanesa Martín, Siloé, Budiño, Leire Martínez e Paula Koops, entre outros artistas e bandas, actuarán ao longo dos 10 días de celebración
Entre xaneiro e xuño deste 2026, o turismo internacional medrou o 78% con respecto ao mesmo período do pasado ano
Ferrol, 28 de xullo de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participaron esta mañá na presentación da programación das Festas de Ferrol que un ano máis contarán co apoio da Xunta de Galicia. O Goberno galego consolida así o seu compromiso cunha das citas festivas máis relevantes do calendario estival galego e contribúe á promoción de Galicia como destino de grandes citas musicais.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia destacou que "desde a Xunta queremos seguir apoiando unha programación de calidade que contribúe a dinamizar a economía local, atraer visitantes e proxectar a imaxe de Galicia como un destino cultural de referencia".
As Festas de Verán de Ferrol, vinculadas á celebración patronal de San Ramón, desenvolveranse entre os días 21 e 31 de agosto e nesta ocasión, o público poderá gozar de actuacións de artistas e bandas de primeiro nivel do panorama musical español como Vanesa Martín, o 22 de agosto; Siloé e Budiño, o día 23; e Leire Martínez e Paula Koops, o 25 de agosto.
O escenario principal será, un ano máis, a Praza de Armas, que acollerá dez noites consecutivas de concertos gratuítos para a cidadanía e para os milleiros de visitantes que cada ano elixen Ferrol para desfrutar da súa oferta cultural e de lecer.
A edición deste ano abrirase o 21 de agosto coa lectura do pregón e o espectáculo musical La noche de Cadena 100, protagonizado por Fangoria, Bombai e a artista galega Yoly Saa. Entre os concertos xa confirmados figuran tamén Celtas Cortos, o 26 de agosto, e Enol e Marlena, o día 30.
A programación estival de ocio complétase con numerosas actividades culturais, deportivas e de lecer, entre as que destacan a Feira Medieval, o Pantin Classic, Equiocio ou a tradicional Festa da Escuma.
O turismo continúa medrando en Ferrol
A celebración de grandes eventos de atractivo turístico favorecen o positivo comportamento que está a rexistrar Ferrol ao longo deste ano. Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a cidade acumula ata o mes de xuño un total de 38.617 viaxeiros, o que supón un incremento do 48,6% con respecto ao mesmo período do ano anterior.
As noites tamén medran ata alcanzar as 64.987 (+15,9%), mentres que destaca especialmente o comportamento do mercado internacional, que aumenta un 78,6% e suma 10.753 viaxeiros, representando xa o 27,8% do total de visitantes.
O director de Turismo de Galicia salientou que "Ferrol está a vivir un excelente momento turístico. Os datos deste primeiro semestre, cun incremento de preto do 50% no número de viaxeiros e cun extraordinario crecemento do turismo internacional, evidencian que a cidade consolida o seu atractivo e que a súa aposta pola cultura e polos grandes eventos está a dar resultados".
Neste contexto, incidiu en que "o noso obxectivo é seguir fortalecendo unha oferta turística diversificada e desestacionalizada, na que eventos como as Festas de Verán desempeñan un papel fundamental ao atraer visitantes, xerar actividade económica e favorecer que quen nos visita descubra todo o que Ferrol e a súa contorna teñen que ofrecer".