A Xunta apoia con 96.000 € a actividade da Federación Provincial de Confrarías de Lugo a favor do sector pesqueiro lucense

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o presidente da entidade, Basilio Otero, formalizaron hoxe en Burela a colaboración destinada a reforzar o seu funcionamento e a organización do Congreso de Pesca Artesanal do Cantábrico Noroeste

Burela (Lugo), 28 de xullo de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, Basilio Otero, asinaron hoxe na sede da entidade en Burela o convenio de colaboración polo que a Xunta destina un total de 96.000 euros a apoiar a actividade deste colectivo a favor do sector pesqueiro lucense ao longo do ano 2026.

A maior parte dos fondos, 80.000 euros, teñen como obxectivo apoiar o funcionamento e a operativa diaria da federación para garantir o desenvolvemento dos seus servizos e representación. Pola súa banda, a contía restante, destínase a impulsar actuacións de investimento para modernizar a xestión administrativa e fortalecer a competitividade do sector pesqueiro de litoral e marisqueo da provincia.

A través deste programa executaranse obras de acondicionamento e mellora do mobiliario do arquivo na sede da federación, adquiriranse novos equipos informáticos e financiarase a organización do Congreso de Pesca Artesanal do Cantábrico Noroeste, dirixido a poñer en común as demandas e retos da frota xunto a outras federacións galegas e cantábricas.

Esta colaboración forma parte do apoio continuado que a Consellería do Mar vén prestando ás entidades representativas do sector pesqueiro lucense, sumando un investimento acumulado de máis de 520.000 euros no período 2020-2026 para fortalecer a defensa dos intereses dos pescadores e mariscadores da provincia.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 28/07/2026