A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou o convenio de colaboración co Concello de Lugo e coa Deputación Provincial
A Xunta pon en valor o investimento de preto de 745.000 euros para a reforma e ampliación do centro de recollida e albergue de animais domésticos de Lugo
Ángeles Vázquez explica que as actuacións, que financian a partes iguais a Consellería, o Concello de Lugo e a Deputación Provincial permitirán garantir unhas condicións óptimas para a recollida, acollida e atención dos animais abandonados ou extraviados
Agradece o traballo das entidades protectoras e dos concellos neste eido e puxo o convenio asinado hoxe como exemplo de colaboración entre administracións
Incide en que é imprescindible seguir avanzando en medidas de prevención e sensibilización contra o abandono animal porque é un problema que afecta tanto ao benestar dos animais, como á saúde pública, á seguridade viaria e ao medio ambiente
Segue aberto o prazo para solicitar as axudas destinadas a concellos, protectoras e particulares para a atención de animais abandonados, así como das que buscan fomentar a adopción con axudas de ata 150 euros para financiar os gastos veterinarios
Lugo, 29 de xullo de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o investimento de preto de 745.000 euros para a reforma e ampliación do centro de recollida e albergue de animais domésticos que xestiona a Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo.
Segundo explicou Ángeles Vázquez, as actuacións, que financian a partes iguais a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, o Concello de Lugo e a Deputación Provincial permitirán garantir unhas condicións óptimas para a recollida, acollida e atención dos animais abandonados ou extraviados que chegan ao centro. De feito, hoxe mesmo se asinou o convenio de colaboración por parte da conselleira; a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o deputado provincial Miguel Fernández.
En concreto, acometerase unha reforma significativa que incluirá a renovación dos canís, a mellora de todas as instalacións e a adecuación dos servizos necesarios para garantir o correcto funcionamento do centro acorde coa normativa vixente.
Nese senso, a conselleira, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, incidiu en que é imprescindible seguir avanzando en medidas de prevención e sensibilización contra o abandono animal porque é un problema que afecta tanto ao benestar dos animais, como á saúde pública, á seguridade viaria e ao medio ambiente.
Nesa liña, a conselleira tamén agradeceu o traballo que desenvolven tanto as entidades protectoras como as administracións locais para atender os animais abandonados, como é o caso do Concello e a Deputación de Lugo coa mellora das instalacións localizadas no lugar de Codesido. De feito, a conselleira puxo o convenio asinado hoxe como exemplo de colaboración entre administracións.
Así mesmo, aínda está aberto o prazo da liña de axudas da Xunta para concellos, protectoras e particulares que no período entre 2017 e 2025 repartiu preto de 4 millóns de euros en apoios á atención dos animais abandonados e ao fomento da súa adopción.
A maiores, o Goberno galego mantén o seu compromiso coa tenza responsable de animais de compañía e coa erradicación do abandono, promovendo a adopción como a mellor oportunidade para ofrecerlles un fogar. De feito, tamén permanece aberta a convocatoria de axudas que promove a Consellería para fomentar a adopción de animais domésticos abandonados, con cantidades de ata 150 euros por cans e 125 euros por gatos, destinadas a cubrir os gastos veterinarios iniciais.