Martina Aneiros visita os traballos da cuarta campaña arqueolóxica no castro de Esmelle

A delegada territorial da Xunta en Ferrol participou esta mañá nunha visita guiada ao xacemento

A representante autonómica puxo en valor a colaboración da Xunta con estas escavacións a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Ferrol, 29 de xullo de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá nunha visita á escavación arqueolóxica que se está a levar a cabo no castro de Esmelle, coñecido como Tralocastro, promovida pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial da Universidade da Coruña (UDC) e o Concello de Ferrol, que conta ademais con financiamento da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Durante a visita, que estivo guiada polo director da Cátedra, Juan Luis Montero Fenollós e o investigador do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e director da campaña de escavación, Samuel Nión, os participantes entre os que tamén se atopaba o director territorial de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey e a vicerreitora do Campus de Ferrol, Ana Ares, coñeceron os traballos desta cuarta campaña na que se lle dá continuidade ós achados dos anos anteriores e traballando en tres novos sectores, dous abertos na zona do acceso e do gran edificio colectivo, e un na croa.

Os traballos, que arrincaron o pasado 13 de xullo, finalizarán este venres 31. Aneiros felicitou aos participantes pola súa labor nunha campaña “que destaca pola cantidade de materiais recuperados”, sobresaíndo entre estes as cerámicas e as pedras de muíño.

A delegada territorial puxo en valor a colaboración da Xunta, “coa que pretendemos favorecer os traballos que se levan a cabo neste xacemento e promover que o público xeral coñeza mellor este lugar tan valioso”. Salientou tamén a importancia da colaboración para avanzar nestes fins, tanto por parte das administracións como das persoas que realizan as tarefas a pé de campo, un grupo composto por profesionais, estudantes e voluntarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2026