O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, reuniuse coas direccións reitorais da USC, UVigo e UDC, con quen se estivo en estreito contacto para ultimar a reforma da Proba de Acceso á Universidade en Galicia

A Xunta e as tres universidades pechan o acordo para que a PAU reflicta mellor a preparación do alumnado galego e dea máis seguridade no proceso

Avánzase no obxectivo do Goberno galego de acadar un sistema de acceso á universidade máis homoxéneo, cun marco regulador claro e garante da igualdade

A nova regulación crea unha nova estrutura de coordinación institucional para garantir criterios de exame xustos e equitativos

A Comisión Organizadora será a responsable da coordinación e de marcar as directrices xerais en canto a contidos, nivel de dificultade e criterios de cualificación

Estableceranse mecanismos de supervisión e detección de posibles erros e elaboraranse bancos de materiais que faciliten a elaboración de modelos de exame

Nela estarán representadas a Xunta e as tres universidades, acadando unha maior corresponsabilidade a través da toma de decisións colexiadas

Pola súa banda, a nova Comisión Técnica encárgase do desenvolvemento operativo e loxístico da proba no que atinxe á elaboración, custodia e corrección

Os grupos de traballo que redactan as preguntas contarán cunha maior presenza de docentes de Bacharelato, que teñen un contacto máis directo co currículo

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2026

A Xunta e as tres universidades pública galegas pecharon hoxe o acordo para reformar a estrutura de organización da Proba de Acceso á Universidade (PAU). O obxectivo, tal e como destacou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, “é procurar a maior coordinación para garantir que as probas sexan adecuadas ao nivel e contidos do currículo de Bacharelato e que se corrixan con criterios que reflictan a boa preparación do alumnado galego”.

“É un deseño que vai dar máis seguridade ao alumnado, vai xerar máis igualdade, vai posibilitar unha maior implicación do profesorado de Secundaria e vai a delimitar as funcións, as responsabilidades e as características de todas as persoas que participan neste proceso”, explicou o conselleiro. “En definitiva, vai ser un novo modelo, máis seguro, máis coherente,  máis igualitario e que faga posible evitar calquera tipo de controversia ou problema”, abondou.

O titular do departamento educativo da Xunta fixo fincapé tamén na necesidade de ofrecer ao estudantado e ás familias as maiores garantías e certezas, aproveitando a oportunidade para mellorar o sistema. “Detectouse unha debilidade, consensuouse e actuouse para dar unha solución a un marco que, funcionando ben, sempre tiña unha marxe de mellora, que é o que estamos a lograr con esta nova PAU”, dixo.

Tras o paso polo Consello da Xunta desta proposta de nova orde reguladora, e tras varias reunións de traballo para definir detalles, as universidades deron hoxe o seu visto e prace ao texto, que agora continúa o proceso interno de tramitación administrativa. Neste sentido, o conselleiro agradeceu a disposición dos tres equipos reitorais a traballar para dar resposta, xunto coa Xunta, á demanda de alumnos e familias de mellorar o sistema de acceso á Universidade.

Así mesmo, Román Rodríguez lembrou que Galicia leva anos traballando en prol dunha Proba de Acceso á Universidade “máis homoxénea, cun marco regulador claro e xusto para o alumnado galego, para favorecer a igualdade de oportunidades dos galegos con respecto ao resto dos estudantes do Estado, explicou.

Pola súa banda, as reitoras da USC e da UVigo e o reitor da UDC amosaron a súa satisfacción polo acordo acadado entre a Consellería e as universidades e que destacan permite adecuar o sistema á lexislación e robustecelo.

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, manifestou a súa satisfacción sobre os resultados do encontro, destacando “o traballo conxunto das tres universidades galegas co obxectivo de facer achegas que mellorasen o texto inicial. Entre estas aportacións, estaba a inclusión de aspectos que afectan non só ao acceso, senón tamén á admisión, un eido clave dentro deste ámbito”.

Cao subliñou que “as nosas achegas poñen á Comisión Interuniversitaria de Galicia nun papel central, como vén tendo e como creemos que debe seguir tendo no futuro. Alegrámonos de que froito do diálogo e a colaboración coa Xunta poida resultar unha orde máis acaída, que teña en conta os cambios normativos importantes dos últimos anos e, sobre todo, facendo que continuemos a levar a cabo un acceso e admisión á universidade cuns altos estándares, algo que nos distingue nos últimos anos”.

Pola súa banda, a reitora da USC, Rosa M. Crujeiras, mostrou a súa satisfacción por chegar a un acordo que asegura “un sistema máis robusto”. Como puntos importantes, salienta a participación “moi activa” das universidades a través da CiUG e do Tribunal Único, que a orde regule non só o acceso senón tamén o proceso de admisión e que toda a estrutura organizadora da PAU quede regulada e recollida, “o que supón un sistema con moitas máis garantías para todas as partes”.

Considera Crujeiras que “esta nova proposta robustece un sistema que ten demostrado o seu bo funcionamento e a súa solvencia durante moitos anos, pero era necesario sometelo a unha actualización que recolla melloras xa postas en marcha e outras novas”. Ademais, para a reitora da USC, é tamén importante “a necesaria corresponsabilidade que debe existir entre as universidades públicas e a Administración” tanto na organización das probas como no proceso de admisión.

Mentres, para a reitora da UVigo, Carmen García Mateo, esta nova orde é un exemplo máis do traballo conxunto entre a Consellería e as universidades. “O sistema que leva funcionando tantísimos anos faino aceptablemente ben, pero é susceptible de mellora e, ademais, cómpre adecualo á nova lexislación. Co cal, o que facemos é axustarnos á lexislación estatal, e aproveitar esta necesidade para mellorar a realización das probas”.

García Mateo destaca, “dunha banda, as dúas comisións: a Comisión Organizadora e a Comisión Técnica, con funcións moi claras nun caso e noutro, que dan unha maior garantía de coordinación entre a Consellería e as universidades. E, por outro lado, chégase a un bo equilibrio entre garantir que os exames están cunha custodia de altas garantías, e que, por outro,  que non teñan erros”. Considera a reitora da UVigo que “das leccións aprendidas nestes anos, esta norma que sae agora con consenso, da Consellería e das tres universidades públicas, é unha norma mellor”.

Criterios coordinados e supervisión

A nova orde inclúe tanto o proceso de acceso, relativo á proba, como o de admisión, adaptando a normativa galega ao Real Decreto 534/2024 polo que se regulan os requisitos de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao. Os principais cambios atinxen á estrutura organizativa da PAU posto que, tal e como xa se avanzou, se crea unha nova estrutura de coordinación institucional que se configura a través dunha Comisión Organizadora e unha Comisión Técnica, como principais figuras novidosas.

A Comisión Organizadora estará conformada por tres representantes da Consellería, outras tres delegadas das universidades públicas (unha por cada unha delas) e unha secretaría externa á comisión. Este órgano ocuparase das directrices xerais dos exames, como os criterios para a redacción da proba –contidos axeitados, nivel de dificultade...– e para a súa avaliación. Así mesmo, definirá os criterios para a elaboración das guías de cualificación de cada exame.

Entre outras accións, que se desenvolverán máis adiante nunhas instrucións específicas, elaborará bancos de materiais que faciliten a elaboración de modelos de exame e establecerá mecanismos de supervisión por pares entre os propios docentes que redactan as preguntas para que sexa máis sinxelo detectar calquera erro ou incoherencia antes de que cheguen ás mesas dos alumnos o día da proba.

Coa nova composición garántese a corresponsabilidade e representación de todas as partes implicadas nestas tarefas de coordinación e deseño xeral, que ata o momento recaían só na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG). Isto permite, ademais, simplificar a estrutura da CiUG, que pasa a estar composta polos tres delegados das universidades e polo Tribunal Único, que é o órgano da Comisión Interuniversitaria de Galicia que se encarga da parte operativa da PAU; todos eles con representación ben na Comisión Organizadora ou ben na Técnica.

Desenvolvemento operativo

Pola súa banda, a Comisión Técnica será a responsable das tarefas loxísticas e operativas da PAU en cuestións como o horarios e lugares de realización, medidas de seguridade na elaboración, selección e custodia das probas ou adaptación ás necesidades específicas de apoio educativo do alumnado. Estará conformada por dúas persoas de recoñecida experiencia na docencia e xestión de probas de acceso a proposta da Xunta e polas persoas que ocupen a presidencia e a secretaría do Tribunal Único, órgano da CIUG que, polo tanto e como ata agora, seguirá desempeñando as funcións de elaboración, custodia, distribución e corrección das probas.

Entre outras funcións da Comisión Técnica, publicará os modelos de exame de cada materia e os criterios xerais de avaliación e resolverá as reclamacións relativas a cuestións de natureza distinta ás cualificacións. Así mesmo, a Comisión Técnica proporá á Comisión Organizadora os membros dos grupos de traballo –que redactan os exames–, das comisións delegadas –que os realizan en cada unha das sedes– e dos tribunais cualificadores –que os corrixen– para o seu visto e prace.

Modelos de exame e guías de cualificación

No nivel directo de redacción, aplicación e corrección das probas, a principal novidade é o cambio de composición dos grupos de traballo, que estarán constituídos por un máximo de dous docentes das universidades públicas e outro máximo de catro do sistema de ensino público con docencia na materia ou do corpo da inspección. Deste xeito increméntase o peso da participación do profesorado de Bacharelato, que conta cunha experiencia máis directa e coñecemento do currículo de Bacharelato.

Cada un dos grupos estará dirixido, preferentemente, por un dos devanditos docentes universitarios. A persoa que ocupe a dirección será responsable da elaboración das propostas de exame segundo os criterios e directrices marcadas pola Comisión Organizadora, así como das súas respectivas guías de cualificación. Coordinará tamén a colaboración de todas as persoas integrantes do mesmo e de que funcionen adecuadamente os mecanismos de supervisión e revisión das preguntas.

Admisión

O proceso de admisión continuará, como ata o momento, sendo xestionado pola Comisión Interuniversitaria de Galicia. Isto abrangue todo o relativo á solicitude de ingreso nas diferentes titulacións, a oferta de prazas ou a asignación das mesmas, entre outros aspectos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2026