A Xunta apoia con 141.000 € a actividade da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra a favor do sector pesqueiro da provincia
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o presidente da entidade, José Manuel Rosas, formalizaron a colaboración destinada a reforzar o funcionamento desta entidade sectorial e a impulsar investimentos, seguimento ambiental e formación
Soutomaior (Pontevedra), 30 de xullo de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, José Manuel Rosas, asinaron na sede da entidade en Arcade dous convenios de colaboración polos que a Xunta destina un total de 141.000 euros a apoiar a actividade deste colectivo a favor do sector pesqueiro pontevedrés ao longo do ano 2026.
A maior parte dos fondos, 125.000 euros, teñen como obxectivo apoiar o funcionamento e a operativa diaria da federación para garantir o desenvolvemento dos seus servizos, a asistencia técnica e a representación dos pósitos da provincia.
Pola súa banda, a contía restante destínase a impulsar actuacións de investimento para modernizar a xestión da entidade e reforzar a súa capacidade técnica. A través desta achega adquiriranse novos equipamentos informáticos e administrativos, material técnico para o seguimento ambiental e apoio científico, e organizarase unha xornada de formación e asesoramento sobre habilidades sociais e resolución de conflitos no sector pesqueiro.
Esta colaboración forma parte do apoio continuado que a Consellería do Mar vén prestando ás entidades representativas do sector pesqueiro pontevedrés, sumando un investimento acumulado de 873.000 euros no período 2020-2026 para fortalecer o seu funcionamento e a defensa dos intereses dos pescadores e mariscadoras da provincia.