O director de Industrias Culturais participa no avance de contidos do 10º Galician Freak Film Festival, que se celebrará en Vigo co apoio da Xunta
Vigo, 30 de xullo de 2026
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do primeiro avance de contidos da vindeira edición do Galician Freak Film Festival, incluído nas subvencións da Xunta a eventos do sector audiovisual, que acadará unha década de celebración do 17 ao 26 de setembro desde os cines Tamberlick de Vigo.
No acto, que tivo lugar en plena rúa do Príncipe da cidade olívica, tamén se desvelou o cartel deste ano, dedicado a Vingador Tóxico, protagonista dunha das sagas máis celebradas do xénero fantástico e de terror que vertebra o festival. Comunicáronse, así mesmo, as principais novidades do 10º Galician Freak, como son a incorporación dunha sección competitiva de longametraxes, o fortalecemento das actividades de industria, o cuarto concurso de cómics ou a sección internacional Freak Pitch para premiar con 500 euros dous proxectos audiovisuais en desenvolvemento.