A Xunta financia con preto de 390.000 euros sete proxectos de embelecemento turístico do litoral en Ferrolterra e Ortegal

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu conta da resolución desta convocatoria durante a visita a un dos establecementos beneficiarios

Esta liña de axudas enmárcase nas actuacións de cohesión entre destinos (ACD) do Plan territorial de sostibilidade turística de Galicia e está financiada con fondos NextGenerationEU

Mañón (A Coruña), 31 de xullo de 2026

A Xunta de Galicia impulsa, con preto de 390.000 euros, sete proxectos de embelecemento turístico do litoral nos concellos de Mañón, Valdoviño, Ferrol, Ares, Narón e Fene. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu conta da resolución desta convocatoria de subvencións de Turismo de Galicia durante a visita á vivenda turística Altesor, un dos establecementos beneficiarios.

Esta liña de axudas, tal como explicou a delegada, enmárcase nas actuacións de cohesión entre destinos (ACD) do Plan territorial de sostibilidade turística de Galicia e está encamiñada á conservación e á mellora do patrimonio singular e de uso turístico da costa galega. Contempla tres liñas de actuación: accións destinadas á mellora da eficiencia enerxética, á dixitalización de recursos con potencial turístico no litoral e para a mellora da fachada turística do litoral. “O noso litoral e un dos grandes atractivos de Galicia, por iso queremos fomentar o seu embelecemento á vez que se apoia a un sector á alza no noso territorio como é o turístico”, apuntou Aneiros.

En total, son 177 os proxectos beneficiarios desta orde en Galicia, cunha inversión de máis de 4,56 M€. Estas axudas están financiadas ao 100 % polos fondos NextGenerationEU.

No caso de Altesor, que recibiu unha achega de máis de 110.000 euros, o obxecto de actuación foi a rehabilitación e acondicionamento da cuberta, as fachadas e os muros de peche. Cos traballos realizados puideron eliminar un balcón engadido e solucionar a ausencia de revestimento na cuberta e nos muros, así como os desprendementos do revestimento da fachada. Ademais, resolveron outras deficiencias concretas, como as carpinterías antigas e a existencia de elementos de evacuación pluviais en mal estado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2026