Villaverde destaca o labor da miticultura como motor económico das vilas costeiras
A conselleira do Mar reuniuse hoxe con representantes do sector mexilloeiro en Vilaboa e Moaña para coñecer de primeira man as súas demandas
Vilaboa (Pontevedra), 3 de agosto de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo hoxe sendas reunións coa Asociación de Produtores de Mexillóns de San Adrián de Cobres (Amesa) e a Asociación de Produtores de Mexillóns Rianosa de Moaña, nas que destacou o importante papel que xoga a miticultura como motor económico das vilas costeiras.
A titular de Mar escoitou as demandas e necesidades que lle trasladaron os representantes destas dúas asociacións de bateeiros, que entre ambas suman 53 asociados, 113 bateas e 21 barcos, no marco do contacto permanente que mantén co sector para manter un modelo de cogobernanza real e efectiva.
Villaverde transmitiu o compromiso do Goberno galego coa pesca, acuicultura e o asociacionismo, así como as liñas de traballo da Consellería do Mar para consolidar este sector estratéxico para Galicia.
A Xunta apoiou o sector miticultor con preto de 4 millóns de euros na convocatoria de 2025 do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa) para o ámbito da acuicultura, que chegaron a 117 beneficiarios e facilitaron a construción de novas bateas, modernizacións das existentes así coma dos buques auxiliares e incorporación de novos bens de equipo.